Xogade
A campaña de actividade lúdico deportiva XOGADE (xogos galegos deportivos en idade escolar), é unha iniciativa promovida e financiada pola Xunta de Galicia, co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos galegos e brindarlles aos escolares a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade autónoma, dáselle así resposta a un dos obxectivos principais da política deportiva da Xunta de Galicia: fomentar e estender o deporte educativo e saudable a toda a sociedade dende as idades máis temperás.
O programa XOGADE combina o programa deportivo e competitivo (escolar e federado) cun programa lúdico e participativo para os escolares dos centros educativos de toda Galicia. Este é o primeiro paso da Secretaría Xeral cara a un deporte humanista, educativo e saudable.
Apóstase por un modelo deportivo orientado á participación, que se axusta ao modelo de deporte promulgado dende o Consello de Europa a través da Carta Europea do Deporte.
O obxectivo primordial desta nova concepción do deporte será a promoción da saúde, a condición física e o benestar, sen esquecer deixar de lado o rendemento deportivo, pero asegurar que todos os escolares poidan ter acceso á práctica de actividades físico-deportivas sen que exista ningún tipo de discriminación.
A Secretaría Xeral para o Deporte, coa colaboración das federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares, convoca o programa XOGADE no comezo de cada curso escolar cunha duración de setembro a xuño.
Este programa vai dirixido a todos os escolares galegos, polo que poderán inscribirse se o desexan, os centros de ensino, as ANPA, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas, asociacións, etc. pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.
OBXETIVOS DO PROGRAMA XOGADE
- Incrementar a participación en actividades físico-deportivas en horario non lectivo das poboacións escolares, con especial incidencia no colectivo de nenas.
- Beneficiarse do gran potencial educativo e formativo das actividades físico-deportivas e que prime a participación por riba da competitividade.
- Impulsar a función integradora e de cohesión social do deporte.
- Manter ou mellorar o estado de saúde a través da adquisición de hábitos de vida activos e saudables.
- Permitir a aprendizaxe dos conceptos técnicos e tácticos, o desenvolvemento das diferentes calidades físicas, así como a transmisión de hábitos, actitudes e valores como a tolerancia, o respecto aos demais e ás regras, o esforzo de superación, a cooperación, a confianza, entre outros.
- Potenciar o xogo limpo e a deportividade.
- Potenciar os xogos motores como instrumento base da educación.
- Introducir os/as nenos/nenas en diferentes disciplinas deportivas mediante actividades lúdicas de carácter global.
- Facilitar a comunicación e a convivencia dos nenos/as independentemente do nivel de práctica de cada un deles.
- Fomentar a práctica de actividade física como hábito saudable necesario na sociedade actual.
- Posibilitar que os nenos e nenas se divirtan realizando actividade física.
- Acercamento aos escolares galegos das estruturas deportivas con actividade na súa localidade.
- Fomentar os xogos tradicionais da Comunidade Autónoma de Galicia así como aqueles que aínda non sendo de orixe galega, foron e son, popularmente, empregados na nosa sociedade.
- Promover a educación en valores a través do gran potencial educativo do que dispón o deporte.
ACTIVIDADES DO PROGRAMA XOGADE
- Actividade deportiva escolar: programa de actividades con máis de 20 modalidades deportivas diferentes.
- Actividade deportiva federada: programa de actividades que incluen as modalidades de baloncesto, balonmán, fútbol sala, judo, loita olímpica, natación, natación sincronizada, patinaxe artístico, taekwondo, triatlón, voleibol e ximnasia rítmica.
- Actividade lúdica: Xornadas de iniciación no centro escolar en horario lectivo de diferentes modalidades deportivas entre as que pódense atopar, esgrima, espeleoloxía, colombofilia, tríatlon e outras que en moitos casos suporán o primeiro contacto do alumno con estas prácticas.
- Coñece o meu club: Con este programa preténdese facilitarlles aos escolares o coñecemento dos recursos deportivos dispoñibles na súa poboación, ofrecerlles así unha alternativa de ocupación para o seu tempo libre, e fomentar a práctica da actividade física entre a nosa poboación escolar. E poñer así en mans dos nosos alumnos e alumnas a maior cantidade de recursos posibles, que lles axuden na consecución de hábitos cada vez máis activos e saudables.
- Xogos populares: Exposición itinerante en centros educativos con material didáctico de xogo (Expositores para colocar no centro escolar, Baúl de xogos e Unidades didácticas)
- Educación, deporte e valores: Exposición itinerante polos centros educativos. Con este material preténdese axudar ao profesorado a divulgar entre o colectivo escolar o fomento dos valores proporcionados a través da práctica deportiva. Está dirixido a todo o colectivo escolar.
- Móvete+: “Móvete+” é unha nova actividade do programa Xogade dirixida a tódolos escolares de Galicia. Trátase de promover a actividade física a través dunha acción de carácter lúdico, transversal, divertida e ao mesmo tempo sumar mais cantidade de exercicio físico para achegarnos ao que recomenda a Organización Mundial da Saúde.
Baseado nunha composición musical e coreográfica orixinal, “Móvete+” é o novo himno do Plan Galicia Saudable (http://galiciasaudable.xunta.es.) que ten como obxectivo difundir entre a comunidade educativa e, por extensión, á sociedade galega, os principais valores do Plan Galicia Saudable. - Xogando co vento: Esta actividade nace para dar cabida a un conxunto de proxectos que se veñen desenvolvendo en diferentes puntos da nosa xeografía coa finalidade de acercar aos escolares galegos a un medio tan importante para a nosa Comunidade Autónoma como é o MAR.
O denominador común destes proxectos será o emprego do mar, do vento e da vela como instrumentos de xogo para traballar cos rapaces e rapazas, contidos transversais entre diferentes áreas sen deixar de promover e fomentar a actividade física na súa vida cotiá.
SEGURO FEDERADO DE 6 A 16 ANOS
A Xunta de Galicia proporciona un seguro deportivo gratuíto para todos os federados de 6 a 16 anos. Esta é unha medida fundamental para apoiar, sólida e eficazmente, o deporte de base, dentro do compromiso da Xunta de Galicia pola promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables.
Fonte: Xunta de Galicia – Secretaría Xeral para o Deporte
Servizos Provinciais de Deportes de Ourense
Coordinador do Deporte Escolar Ourense
Avenida de La Habana, 79 – 4º
32004 Ourense
988 386 050
988 386 051
deportes.ourense@xunta.es
http://xogade.xunta.gal
http://www.deporteescolargalego.com