A Deputación de Ourense colabora con este evento a favor da Asociación Española contra o Cancro, que terá lugar o domingo, 23 de setembro.
A segunda BTT solidaria do Concello de Boborás en favor da Asociación Española contra o Cancro celebrarase o vindeiro domingo, 23 de setembro, aglutinando nun mesmo evento deporte e solidariedade. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; a concelleira de Cultura, Turismo e Deporte de Boborás, Patricia Torres; e a presidenta da AECC de Ourense, Dora Gómez.
A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que ten un marcado carácter solidario e que ademais de dar a coñecer os atractivos turísticos do municipio, colabora con esta asociación que realiza un importante labor social na nosa provincia, explicou Rosendo Fernández. Neste mesmo senso, Patricia Torres dixo que este evento pretende “dinamizar a vida deportiva de Boborás e, así mesmo, colaborar na loita contra esta enfermidade, na que a AECC fai un papel moi importante, sobre todo de apoio moral”.
A proba deportiva conta cun percorrido de 40 quilómetros cunha dificultade técnica baixa e cunha esixencia física alta. A saída da proba será ás 9.30 horas. O día previo á proba, o sábado 22 de setembro, celebrarase un mercadillo solidario a partir das 17.00 horas, a favor da Asociación Española Contra o Cancro, no que haberá actividades para os máis cativos e un bar solidario. Tanto a saída da proba coma o mercadillo terán lugar no Colexio CEIP Nosa Señora de Xuvencos.
Os interesados en participar na BTT poderán inscribirse no portal web www.championchipnorte.com, por un custe de 15 euros, sendo a metade da cota destinada para AECC de Ourense. “O ano pasado participaron algo máis de cen persoas, e por agora, nesta edición, están inscritos 70 participantes”, sinalou a concelleira de Cultura, Turismo e Deporte de Boborás, quen lembrou que ademais dos ciclistas, “todo o mundo pode colaborar coa AECC de Ourense no mercadillo solidario que destinará o recadado para esta asociación”.
Pola súa parte, a presidenta da AECC de Ourense agradeceu ao concello e aos voluntarios “que pensaran en nós por segunda vez” e dixo que o diñeiro recadado irá destinado para “a adquisición dunha grúa para o servizo de coidado de paliativos, material moi necesario e requirido”.