Deporte e natureza, na BTT Trevinca – Desafío Starlight

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o día 2 de setembro, no municipio da Veiga.

O municipio da Veiga prepárase para acoller a segunda edición da súa ruta de ciclismo de montaña, a BTT Trevinca – Desafío Starlight, que terá lugar o día 2 de setembro, e que ofrece aos participantes tres posibles rutas de diferentes distancias. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o director deportivo do evento, David Álvarez.

A Deputación de Ourense colabora con este evento que aglutina “natureza en estado puro e deporte, dando a coñecer as potencialidades paisaxísticas e naturais que ofrece esta zona ourensá”, sinalou Rosendo Fernández. Así mesmo, o vicepresidente do goberno provincial dixo que este tipo de iniciativas contribúen a “fomentar a práctica do deporte e a vida saudable, sendo tamén un pulo importante para a dinamización do noso territorio”.

Pola súa parte, o director deportivo do evento sinalou que esta segunda edición chega “tralo éxito logrado na anterior porque esta carreira ten alma, é máis ca unha simple volta en bicicleta”. Como novidade este ano, a organización ofrece tres posibles rutas: a curta de 35 quilómetros, a media de 55 quilómetros e a longa de 75 quilómetros que é “o gran desafío starlight, porque ademais de dar coñecer a beleza natural da zona queremos que veñan ciclistas dun nivel profesional e lograr que dentro duns anos esta proba sexa unha das máis importantes do BTT Nacional”, explicou David Álvarez.

Pola súa parte, o alcalde da Veiga dixo que actualmente xa están inscritos “130 participantes entre os que se atopan campións de España, aínda que esperamos chegar aos 250 participantes da pasada edición”. Asemade, Juan Anta destacou o atractivo natural e paisaxístico do municipio da Veiga e asegurou que os participantes da proba que “percorrerán o teito de Galicia e o segundo grupo lagunar máis importante da Península, poderán gozar da esencia da montaña que se mantén intacta e que é compatible con este tipo de probas de nivel que nos permiten dar a coñecer o noso territorio”.

Os interesados en participar poderán inscribirse na web www.galitiming.com, sendo o custe da inscrición para a ruta longa e media de 18 euros e para a curta de 12 euros. A saída da proba terá lugar ás 9.30 horas para tódalas rutas.