Comeza o Camiño Mozárabe-Vía da Prata, cun percorrido de cinco etapas durante os domingos, que impulsa de novo a Deputación

Un total de 43 peregrinos partiron esta mañá da Ponte Romana cara Cea, primeira etapa de 22 quilómetros, aos que o presidente do Inorde e deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, desexoulles un bo camiño e sinalou que “estamos ante unha acción que xa consolidamos este ano con 3 edicións, pois está prantexada, por indicación do presidente provincial, Luis Menor, para potenciar o noso Camiño Xacobeo e facilitar á xente que poidan facelo dun xeito cómodo e atractivo”.

Un total de 43 peregrinos e peregrinas iniciaron esta mañá o seu particular Xacobeo, que os levará polo Camiño Mozárabe-Vía da Prata durante 5 domingos ata conseguir finalmente a súa “Compostela” o vindeiro 13 de outubro. Esta iniciativa, promovida pola Deputación a través do Inorde, xa se iniciou en Semana Santa, continuou no mes de maio e xuño e establecerase de xeito periódico: “Estamos ante unha acción que xa consolidamos este ano con 3 edicións, pois está prantexada, por indicación do presidente provincial, Luis Menor, para potenciar o noso Camiño e facilitar á xente que poida peregrinar pola Vía da Prata dun xeito cómodo e atractivo”, dixo Rosendo Fernández.

O deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde asistiu hoxe a saída desta primeira etapa que ten o seu remate en Cea (con visita a Oseira incluída) logo de 22 quilómetros. Ao remate da mesma, un autobús devolverá aos peregrinos a Ourense. Do mesmo xeito, os vindeiros domingos, o autobús recollerá aos participantes en Ourense, levaraos ao inicio das correspondentes etapas, e ao finalizar, fará o recorrido de volta á cidade. Ademais, un guía explicará aos peregrinos os monumentos e lugares de interese polos que descorrerán as etapas.

O vindeiro domingo, 22 de setembro, será o traxecto Cea-Dozón- Puxallos, un percorrido de aproximadamente 22 km. A terceira etapa será o 29 de setembro e levará aos peregrinos desde Puxallos a Silleda (22km); no cuarto domingo, 6 de outubro, terá lugar a cuarta etapa que vai de Silleda a Vedra-Susana, sendo un percorrido de 23 ou de 30 km. E, por último, o 15 de outubro peregrinarán a quinta etapa de Susana a Santiago de Compostela, o tramo máis curto, de 10 km aproximadamente.

Abertas as inscricións

Ademais, contarán ao longo desta experiencia cun autobús de apoio a media etapa e cun guía especializado que lles axudará a descubrir o patrimonio cultural e natural da provincia a través da Vía da Prata. Os interesados en realizar o Camiño inscribíronse a través da páxina web www.conocegalicia.es por un prezo de 49 euros.

Como novidade tamén se pode realizar a inscrición por etapas, por un prezo de 15 euros por etapa. En todo caso, as inscricións están abertas para que a xente poida organizarse e anotarse con tempo segundo a súa dispoñibilidade.