“Chandrexa Trail” reunirá aos mellores corredores galegos

A Deputación de Ourense co-organiza este evento deportivo que se celebrará o día 23 de xuño.

A carreira por montaña “Chandrexa Trail”, que reunirá aos mellores corredores galegos, celebrarase o vindeiro 23 de xuño, cun percorrido de 34 quilómetros que comezará ás 8.30 horas diante do edificio do Concello de Chandrexa de Queixa, na localidade de Celeiros. O percorrido da proba discorrerá polos montes de Bretelo, Requeixo e Zamorela, cruzando a Serra de Chandrexa de Queixa e pasando polas localidades de Forcadas, Requeixo e Castelo. A proba contará cun máximo de 350 participantes.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez; e o representante do Club Running Sport Trail, Óscar Sánchez.

A Deputación de Ourense co-organiza este evento deportivo que chega a súa novena edición e “aglutina nun mesmo evento tres carreiras e unha andaina de diferentes dificultades”, explicou Rosendo Fernández, quen destacou o carácter solidario desta carreira que este ano “volverá a colaborar coa Asociación Galega de Fibrosis Quística onde cada participante na proba ou calquera persoa interesada poderá doar o que queira para axudar a tódolos que poidan padecer esta enfermidade”.

Ademais do trail que é “Campionato Galego de Carreiras por Montaña polo que traerá aos mellores corredores galegos a Chandrexa de Queixa” –dixo Óscar Sánchez-, ese mesmo día disputarase unha andaina e un cross de 18 quilómetros de percorrido ambas probas. O cross, Campionato Galego Junior, comezará ás 10.00 horas e a andaina ás 9.00 horas, ambas tamén sairán desde a Casa do Concello de Chandrexa de Queixa. O traxecto discorrerá por camiños, pistas forestais e campo a través. Neste caso, o número máximo de participantes é de 250 persoas en cada proba.

Por último, celebrarase tamén un cross de 7,3 quilómetros que comezará ás 10.30 horas. A proba puntuará para a Copa Galega Cadete e a súa vez estará dispoñible para todo aquel que queira iniciarse no mundo do trail.

En canto aos datos de participación, o representante do do Club Running Sport Trail dixo que estaban “satisfeitos polo aumento de inscritos na carreira ao longo destas edicións”, e destacou que a proba conseguiu manter unha porcentaxe estable de entre un 12% e un 20% de corredores que veñen de fóra de Galicia, “incluso de Portugal, o que lle outorga carácter internacional á competición”, sinalou Óscar Sánchez. Asemade, nos últimos catro anos, a participación feminina mantense entre o 20% e o 28%.

Pola súa parte, o alcalde de Chandrexa de Queixa agradeceu á Deputación de Ourense o seu apoio e o traballo que realizan desde o Club na organización da proba, a cal espera que continúe a celebrarse tódolos anos “para dar a coñecer o patrimonio natural e paisaxístico do noso municipio”.

Os interesados en participar nalgunha destas probas poderán inscribirse a través de Championchipnorte, agromacen e runmaniak, ata o día 9 de xuño por un prezo, e do 10 ao 20 de xuño a inscrición terá outro custe máis elevado.