O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou xunto coa presidenta da Comisión Xestora da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, e o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, o Campionato de España de Remo de Longa Distancia, que se disputará o vindeiro sábado en augas do parque náutico de Castrelo de Miño. A proba, na que están inscritos 424 deportistas de 54 clubs, contará coa participación de remeiros de dez federacións autonómicas: Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía e Madrid. A proba dará comezo ás 9.00 horas e a finalización está prevista para as catro da tarde.
O presidente do goberno provincial agradeceu “a excelente cooperación institucional e deportiva que fai posible que a provincia de Ourense sexa protagonista dun acontecemento de máximo nivel no ámbito do remo en España, e que se celebre nun dos mellores escenarios para a práctica de deportes náuticos como e o parque náutico de Castrelo de Miño”, agradecendo asemade, á presidenta da Comisión Xestora da Federación de Remo, Asunción Loriente “o seu apoio ao que denominamos “Termalismo deportivo”, con Laias, Arnoia e Castrelo de Miño como excelentes escaparates e referentes para o deporte náutico”, como tamén o labor que vén desenvolvendo o alcalde e todo o municipio de Castrelo, “para que este campionato sexa un éxito de participación e organización”, expresou Manuel Baltar.