Castrelo de Miño acolle este domingo o Campionato Galego de Remo de longa distancia

A proba, na que colabora a Deputación de Ourense, reunirá a 150 deportistas de 14 clubs galegos, sumando en total 97 embarcacións inscritas.

O encoro de Castrelo de Miño acollerá este domingo, 5 de febreiro, o Campionato Galego de Remo de longa distancia, organizado pola Federación Galega de Remo e o Club Náutico Castrelo de Miño, e no que colabora a Deputación de Ourense.

A presentación deste campionato tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o vicepresidente da Federación Galega de Remo Miguel Balsa; o xefe provincial do servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; e César Fernández, vicepresidente segundo e responsable dos asuntos de cooperación cos concellos do Ribeiro.

Este campionato galego terá lugar entre as 11,00 e as 14,00 horas do domingo -sempre que a néboa non adíe o seu inicio-, e reunirá a uns 150 deportistas de 14 clubs galegos, sumando un total de 97 embarcacións inscritas entre as diferentes categorías e modalidades. A distancia da proba será para todas elas de 5.000 metros e ao remate producirase a entrega de medallas.