O encoro de Castrelo de Miño acollerá o domingo, día 3, a sexta proba do Campionato Galego Inclusivo de Motonáutica, organizado pola Real Federación galega desta disciplina, co patrocinio da asociación Fibralar e a colaboración da Deputación de Ourense, cuxo presidente, Manuel Baltar, participou hoxe no acto de presentación desta proba acompañado polo alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o xefe territorial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; o presidente e o secretario da federación galega, José Prado e Marcos Casaleiro, e o vicepresidente e delegado para asuntos do Ribeiro, César Fernández.
Dez equipos, integrados cada un deles por un piloto e un mariñeiro, participarán desde as 10.30 da mañá nesta competición de regularidade, tipo xincana, na que deberán pasar diversas probas de habilidade e destreza. O campionato, que consta de dez probas, ten como obxectivo achegar aos discapacitados á práctica dos deportes náuticos.