O evento deportivo terá lugar o día 29 de xullo, sendo a única cita deste campionato na provincia de Ourense.
O Concello de Boborás acollerá, o día 29 de xullo, a quinta proba do circuíto galego de carreiras de montaña “Trail Galaica”, a única cita que este campionato celebrará na provincia de Ourense. A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a tenente de alcalde de Boborás, Patricia Torres; e o director técnico da proba, Iván Sanmartín.
Rosendo Fernández destacou a importancia deste evento “a única proba do circuíto galego que se vai a desenvolver na provincia, coa particularidade de celebrarse durante a noite”. Ademais, o vicepresidente da Deputación de Ourense sinalou que o obxectivo desta iniciativa é “poñer en valor e potenciar os enclaves turísticos que conserva o municipio de Boborás”.
Nese senso, a tenente de alcalde de Boborás salientou que desenvolver este tipo de eventos contribúe a “dinamizar o noso concello e unha alternativa máis para os nosos veciños que participan na proba ou ven como se achega xente das catro provincias galegas para asistir a este trail”. Por outra banda, Patricia Torres destacou a “repercusión económica” que supón para Boborás acoller esta proba que, por celebrarse de noite, fai que moitos atletas pernocten no municipio.
A proba comezará ás 22.00 horas desde o enclave histórico de Pazos de Arenteiro e rematará no polideportivo municipal de Boborás, lugar desde o cal os atletas serán trasladados ata a liña de saída a partir das 21.00 horas. “Cremos que a beleza que entraña Boborás e todos os recunchos históricos de Pazos de Arenteiro aínda son máis espectaculares se a proba se desenvolve de noite”, sinalou Iván Sanmartín.
O trail, de dificultade media, conta cun percorrido aproximado de 18,2 quilómetros polas rutas e enclaves naturais e históricos deste municipio ourensá. “O ano pasado contamos con 80 participantes e a dúas semanas do peche das inscricións xa rozamos a participación da anterior edición, polo que esperamos dobrala”, dixo o director técnico da proba. Os interesados en participar poderán inscribirse ata o mércores, 26 de xullo, na páxina web do circuíto www.trailgalaica.com, pudendo participar na proba tódolos atletas maiores de 18 anos e é obrigatorio levar luz frontal.
O custe da inscrición é de 15 euros e inclúe dous avituallamentos, un obsequio técnico e un picnic ao remate da proba no polideportivo municipal, onde se realizará a entrega de trofeos para os tres primeiros clasificados da absoluta, así como para os tres equipos que máis participantes aporten á mesma. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros da categoría senior e veteranos 1, 2 e 3. A celebración estará amenizada con música e animación para tódolos participantes.