Bande promociona a práctica deportiva entre a mocidade coa primeira edición dun campamento de fútbol

O Campo do Outeiro de Bande acollerá do 16 ao 20 de agosto a primeira edición dun campamento de fútbol no que poderán participar ata 40 rapaces e rapazas de entre 4 a 14 anos, nunha iniciativa que ten como obxectivo promocionar a práctica deportiva entre os máis novos durante o período de vacacións. O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; e o coordinador do campamento, Alejandro Domínguez, presentaron hoxe no Pazo Provincial este campamento, co que se trata de responder á demanda de actividades para a mocidade no propio concello, ofrecendo así unha alternativa para todos aqueles nenos e nenas que non poidan desprazarse a outros lugares para gozar de actividades de ocio e tempo libre. As inscricións poderán realizarse na biblioteca municipal de Bande ata o próximo 6 de agosto.