A deputada de Mocidade e Igualdade, Teresa Barge, participou hoxe na presentación desta Festa de Interese Turístico de Galicia, que se celebrará do 24 ao 26 de maio.
O Concello de Bande prepárase para acoller a LIII edición da Festa do Peixe, “unha das celebracións gastronómicas máis senlleiras de Galicia”, afirmou a deputada de Mocidade e Igualdade, Teresa Barge, hoxe no refuxio de pescadores de Nigueiroá (Bande) na presentación desta Festa de Interese Turístico de Galicia, que se celebrará do 24 ao 26 de maio.
Trátase dunha celebración que ten a súa orixe nun campionato de pesca e que actualmente contribúe á promoción da riqueza piscícola dos seus ríos, da gastronomía local, do patrimonio histórico e das súas augas termais.
A Festa do Peixe é “unha conxugación perfecta de actividade lúdica, tradición e gastronomía, na que tamén nenos e mulleres poden desfrutar desta fermosa natureza resulta tan reconfortante como terapéutica”, dixo Teresa Barge.
Pola súa parte, a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, salientou que “esta festa, de profundo arraigo popular, foi consolidándose ano tras ano como cita cultural, gastronómica e deportiva, grazas ao traballo, implicación e esforzo dos veciños e veciñas de Bande”.
Nesta LIII edición haberá un amplo e variado programa de actividades que inclúe música, deporte, stands gastronómicos, exhibición de patinaxe e campionato de pesca.