Baltar salienta no Pavillón dos Remedios “o carácter social e de deporte para todos desta infraestrutura que cumpre 52 anos”

O presidente da Deputación visitou as instalacións xunto ao presidente da Xunta e o alcalde de Ourense, obras que supoñen melloras nos vestiarios, piscina e nas diversas salas deportivas.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta mañá, xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, na visita ao Pavillón dos Remedios para coñecer as obras de mellora que se levaron a cabo neste recinto deportivo e que supuxeron un investimento de dous millóns de euros. Baltar destacou do Pavillón dos Remedios “o carácter social e de deporte para todos desta infraestrutura que cumpre 52 anos”, e dixo que as obras “suporán unha importante mellora nos aspectos deportivos, funcional, de servizo e de accesibilidade para os miles de usuarios que cada mes utilizan esta infraestrutura deportiva”.

As obras, desenvolvidas na planta baixa e na primeira planta abrangueron actuacións na zona de vestiarios, na piscina de 50 metros, no distribuidor e tamén nas salas de musculación e de actividades dirixidas, así como na fachada do edificio.

O Pavillón dos Remedios foi inaugurado en 1969 cun partido de baloncesto entre o Joventut de Badalona e o Real Madrid, e desde entón converteuse nun dos centros deportivos de referencia da cidade de Ourense xunto co Pazo dos Deportes “Paco Paz” da Deputación de Ourense; a nova pista cuberta de atletismo de Expourense, e as instalacións deportivas de Monterrei, actualmente en reforma, así como o futuro parque acuático que albergará este mesmo recinto. O Pavillón dos Remedios conta con máis de 17.000 metros cadrados de superficie, con dous pavillóns, campo de fútbol, piscinas e módulo de atletismo, e nas súas instalacións desenvolven actividades deportivas equipos de fútbol sala, atletas, ximnastas e nadadores.