Baltar garante que se o COB ascende á ACB a Deputación de Ourense achegará o 50 % da contía necesaria para ascender e o 50 % do orzamento da tempada 2019-2020 na ACB

O presidente do goberno provincial confirmoulle hoxe ao presidente do COB, Camilo Álvarez, na reunión que mantiveron no Pazo Provincial, “o firme apoio económico” ao club de baloncesto se consegue o ascenso á máis alta categoría, destacando que a Deputación de Ourense “sempre estivo ao carón do COB destinando todos os anos achegas económicas e cedendo o Pazo dos Deportes para que dispute os seus partidos”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, garantiu hoxe “o apoio firme e claro ao Club Ourense Baloncesto (COB) por parte da Deputación de Ourense, destacando que se o COB ascende á ACB a Deputación achegará o 50 % da contía que necesitará o club a vindeira tempada 2019-2020 para militar na ACB como tamén o 50 % para o orzamento do club. Así llo confirmou o presidente do goberno provincial ao presidente do COB, Camilo Álvarez, na reunión que mantiveron no Pazo Provincial, onde Baltar reafirmou “o firme apoio económico” ao club se consegue o ascenso á máis alta categoría do baloncesto, destacando que a Deputación de Ourense “sempre estivo ao carón do COB destinando todos os anos achegas económicas e cedendo o Pazo dos Deportes para que dispute os seus partidos”.

Camilo Álvarez agradeceu “o compromiso que o presidente Baltar e a Deputación de Ourense veñen de adquirir co COB no ámbito económico en relación coa contía federativa e para a confección da plantilla de cara a vindeira tempada, se se produce o ascenso á ACB, un compromiso e sensibilidade do presidente Baltar co club que xa se ven demostrando nas últimas tempadas, cumprindo sempre en tempo e forma”.

Manuel Baltar xa confirmara en 2016 o apoio inequívoco da Deputación de Ourense para que o COB militase na liga de baloncesto máis importante de Europa, e aceptara, daquela, as condicións económicas propostas por ABANCA, na parte que lle correspondía á Deputación de Ourense, facendo un chamamento á responsabilidade de todos os accionistas do club para que actuasen de igual maneira, asumindo cada quen os seu compromisos como fixo a Deputación de Ourense, algo que non aconteceu.

“A Deputación de Ourense cumpriu daquela, cando o COB puido ser equipo de ACB, e cumpre hoxe, cando novamente podemos ter esta posibilidade, sempre colaborando e apoiando, porque entendemos que estar ao carón do COB é defender á provincia de Ourense, aos afeccionados, aos deportistas e tamén porque así potenciamos a marca Ourense e favorecemos a competitividade do noso territorio”, destaca Manuel Baltar.