Baltar e os novos xestores de Manzaneda analizan as vantaxes que supón para turismo e deporte desestacionalizar a estación

O presidente da Deputación, na súa visita ás instalacións, reafirmou o apoio do goberno provincial a esta infraestrutura, “na que realizamos o investimento máis importante da historia da estación”.

“Con Artabria Turismo ábrese unha nova etapa de xestión na que proximamente se darán pasos importantes para conseguir que Manzaneda siga sendo a estación de Galicia, referente do noroeste peninsular, co que iso supón de “marca territorial” e motor económico para a comarca”, afirma Baltar.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou as instalacións da estación de montaña de Manzaneda, onde se reuniu cos novos xestores desta infraestrutura, pertencentes á compañía Artabria Turismo, con quen analizou “as enormes posibilidades que se abren para o deporte e o turismo sostible desestacionalizando a estación”. O presidente da Deputación reafirmou o apoio do goberno provincial á estación de montaña, “na que realizamos o investimento máis importante da historia da estación”, e dixo que con Artabria Turismo “ábrese unha nova etapa de xestión na que nas próximas semanas e meses daranse pasos importantes para conseguir que Manzaneda siga sendo a estación de Galicia, referente do noroeste peninsular, co que iso supón de “marca territorial” e de motor económico para a comarca”, afirma Manuel Baltar.

Neste sentido, Baltar coñeceu da man dos directivos Albert Montaner, Anxo Rodríguez e Pablo López, como esta sendo a chegada da nova empresa xestora e as súas formulacións para desestacionalizar as actividades da estación, “tendo en conta a cautela que debemos manter nun momento como este, en plena pandemia, para o que se están poñendo todos os medios para cumprir estritamente coas medidas de seguridade e protección”, sinala o presidente.

Manuel Baltar fala de profesionalidade e ilusión, como palabras chave que definen a andaina que Artabria Turismo inicia á fronte da estación de montaña “para levar a cabo unha importante xestión” e trasladoulles “o apoio contundente da Deputación de Ourense, que xa se manifestou desde que entramos no accionariado; logo co maior investimento da historia da estación, como a destinada aos canóns de neve artificial, e que agora continúa e cuxos resultados comezarán a verse proximamente”.

Baltar defende que Manzaneda “debe ir da man de todos e ten que ser unha tarefa conxunta. Ese é o mellor camiño para chegar ao resultado final, que non é outro que a posta en valor de toda a comarca e a provincia, facendo de Manzaneda a capital do lecer e a natureza de Galicia, o lugar onde están os cumes máis altos da comunidade autónoma. Esa perspectiva tennos que axudar a programar e a planificar, contando sempre coa Deputación de Ourense como un gran aliado”.