Baltar destaca na reunión de Meisa a importancia do sistema de innivación, “que suporá un antes e un despois para a estación de montaña”

O sistema garantirá, aló menos, 120 días de neve cada ano.

O presidente do goberno provincial afirma que a infraestrutura deportiva, de ocio e natureza “non debe centrarse so na tempada de inverno senón que ten que afondar na desestacionalización”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cualificou hoxe de satisfactoria a reunión do consello de administración de Meisa (Manzaneda Estación de Inverno S.A.), celebrada na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, na que houbo unanimidade no proposta de axilizar e aprobar os pregos para a contratación do sistema de innovación, que garantirá, aló menos, 120 días anuais de neve na estación de montaña, unha infraestrutura que será realidade no ano 2017.

“Isto significa –en opinión de Manuel Baltar- unha aposta non so dos concellos de Manzaneda e Trives, non só de Ourense, senón tamén unha aposta de Galicia”, e así se puxo de manifesto na reunión, para un centro turístico e deportivo como Cabeza de Manzaneda, “que ten un destacado atractivo para visitantes de Galicia, doutras comunidades e tamén do norte de Portugal”, expresou o presidente provincial.

Manuel Baltar destacou que no ano 2016 se produciu un aumento dun 11 % do gasto que cada usuario da estación de montaña deixou neste recinto, un dato positivo, aínda que houbo menos días de neve que na anualidade anterior (55 días en 2016 fronte a 69 días en 2015). “Sen dúbida, bos datos de xestión, unanimidade das administracións, e agora comeza o proceso para a contratación dun sistema de innivación que suporá un antes e un despois na estación de montaña, sendo conscientes de que esta infraestrutura deportiva, de ocio e natureza non debe só centrarse na tempada de inverno senón que ten que afondar na desestacionalización”.