Menú
Pechar

Baltar destaca “a firme aposta da Deputación polo deporte feminino en Ourense”

O presidente do goberno provincial salientou hoxe na Rúa, na entrega de premios da primeira etapa da “Ceratizit Challenge”, o labor da Deputación “a prol do territorio ourensán como ecosistema de turismo deportivo”.

A provincia de Ourense volve ser protagonista novamente dun evento deportivo de máximo nivel coa proba ciclista feminina “Ceratizit Challenge by La Vuelta 21”, a carreira máis importante do calendario World Tour feminino, que deu comezo hoxe, con meta no Concello da Rúa, e que continuará mañá cunha cronoescalada á estación de montaña de Manzaneda, e o sábado, cunha etapa entre Manzaneda e Pereiro de Aguiar, para rematar o vindeiro domingo coa chegada a Santiago de Compostela.

A implicación da Deputación de Ourense fixo posible que este evento tivese á nosa provincia como máximo expoñente da proba, que se disputa por primeira vez en Galicia coa participación dunha vintena de equipos de dez nacionalidades e máis de 140 corredoras.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen participou hoxe na entrega de premios xunto co alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, destacou que a Deputación de Ourense “aposta por este territorio como “ecosistema de turismo deportivo”; é un territorio apto para que grandes eventos no ámbito do deporte se desenvolvan aquí”, citando como exemplo o termalismo deportivo, coa presenza das mellores seleccións internacionais preparando en Ourense campionatos do mundo e olimpíadas. Ademais, Baltar destaca que “a nosa alianza coa Vuelta a España desde 2016 trouxo consigo esta clara aposta da Deputación polo deporte feminino, organizando a edición máis importante da Volta a España Feminina, na que tres etapas se disputan na provincia de Ourense, sendo a estación de Manzaneda o punto central”. Neste sentido, Manuel Baltar salienta que o goberno provincial “ten un forte compromiso” con esta infraestrutura de ocio, natureza e deporte, “e pensamos que está na boa liña da xestión futura”.

“Este espectáculo deportivo de primeiro nivel supón a acreditación da nosa capacidade de organización e agardo que será o principio dunha duradeira relación, non só coa Vuelta a España senón tamén coa Ceratizit Challenge, porque o deporte feminino é unha firme aposta de futuro para a provincia de Ourense, coa Deputación avalando, propoñendo e executando estes importantes eventos”, conclúe Baltar.

Na xornada de mañá disputarase a primeira cronoescalada na historia da carreira: 7,3 quilómetros con principio e final na estación de Manzaneda; a terceira etapa, de 108 quilómetros, finalizará en Pereiro de Aguiar e contará con dous portos, de 3ª e 2ª categoría, mentres que o 5 de setembro as corredoras sairán das Pontes (A Coruña) e logo de percorrer 107 quilómetros rematarán a competición en Santiago de Compostela, onde tamén finalizará a 76ª edición da Vuelta a España.