Na reunión celebrada hoxe na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda deron conta do percorrido da carreira e de temas referidos á seguridade, promoción e coordinación, así como dos itinenarios polos que discorrerán ás 2.500 persoas que integran a caravana da “Vuelta”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director xeral de Unipublic e da “Vuelta a España”, Javier Guillén, reuníronse hoxe na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda con alcaldes ourensáns por cuxos municipios discorrerán as etapas da “Vuelta a España” 2016, para dar conta dos datos relativos ao percorrido, seguridade, organización e retorno económico. Previamente á reunión celebrouse unha ruta cicloturista entre Pobra de Trives e Manzaneda, coa participación do exciclista profesional Óscar Pereiro.
Baltar e Guillén informaron aos alcaldes dos concellos que son saída e chegada das etapas da “Vuelta” e tamén a aqueles dos municipios que son pasos intermedios (en total 18 concellos) da grande repercusión que este acontecemento deportivo supón para estes territorios. O presidente do goberno provincial dixo que nesta edición da “Vuelta” “a provincia de Ourense convértese en referente do ciclismo, ao acoller catro etapas dunha das probas ciclistas máis importantes do mundo”, e engadiu que a reunión de hoxe “é un paso máis cara a esa importante data do vindeiro mes de agosto, no que dará comezo en Ourense a Vuelta 2016, logo dos eventos que xa temos realizado como foron as actividades de “La Vuelta Junior”, no colexio de Nogueira de Ramuín; a presentación do spot oficial coa presenza de Marta Sánchez, días pasados no Teatro Principal de Ourense, e mesmo o acto de presentación da 71ª edición de “La Vuelta”, que contou coa presenza dos exciclistas Pedro Delgado, Óscar Pereiro e Fernando Escartín”.
Manuel Baltar afirma que a propia denominación que este ano ten a proba ciclista: “Ourense Termal-Madrid” “reflicte o noso papel como berce da mesma”, tendo como puntos de saída ou chegada os concellos de Cenlle, Arnoia, Nogueira de Ramuín, Castrelo de Miño, Maceda e a capital ourensá, e como pasos intermedios os concellos de Allariz, Cortegada, Leiro, Ribadavia, Parada de Sil, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Xinzo de Limia, Trasmiras, Verín, A Gudiña e A Mezquita.
Javier Guillén explicou aos alcaldes que o retorno económico da proba ciclista suporá en cinco días uns ingresos mínimos na provincia de Ourense de 2 millóns de euros, no que atinxe á hospedaxe, manutención, combustible e demais gastos que ocasiona a presenza das 2.500 persoas que integran a caravana da “Vuelta a España”, entre ciclistas, técnicos, persoal de apoio e de organización, seguridade e medios de comunicación, que contan xa con 1.198 xornalistas, fotógrafos e técnicos acreditados.
A “Vuelta a España” é un evento que, xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia, configura unha das carreiras ciclistas máis importantes do mundo, sendo seguida en máis de 150 países do mundo.