Aprobadas as bases para a concesión de bonificacións a entidades deportivas, culturais e recreativas polo uso do Pazo dos Deportes

A xunta de goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por vía telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou as bases que rexerán a concesión de bonificacións a entidades deportivas, culturais e recreativas que fagan uso do Pazo dos Deportes Paco Paz na tempada 2021-2022.

As bonificacións que establecen as bases oscilan entre o 20 % e o 90 % sobre o prezo público, aínda que con carácter extraordinario poderían alcanzar o 100 % das tarifas. Para o cálculo dos descontos seguiranse diversos criterios, entre eles os referidos á categoría deportiva e da competición dos solicitantes, a presenza de máis equipos e deportistas de base e femininas, colectivos desfavorecidos, o período de uso das instalacións, os anos de antigüidade utilizando o pavillón, a adecuación da solicitude ao recinto, e outras circunstancias especiais como o interese público ou social da actividade.

O prazo de presentación de solicitudes para aquelas entidades que utilicen o Pazo dos Deportes ao longo do ano comezará trala publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 30 do presente mes. No caso das actividades puntuais ou extraordinarias deberán presentarse como mínimo cunha semana de antelación á celebración do evento, coa data límite en todo caso do 1 de agosto de 2022.

Na orde do día tamén figuraba a concesión de 160.000 euros en subvencións para cooperación cos concellos. Así, por acordo da xunta de goberno o Concello de Parada de Sil recibirá senllas axudas para a construción de beirarrúas en Casalta e o abastecemento en San Fiz por importe de 60.000 e 12.000 euros, respectivamente. Rairiz de Veiga contará con 40.000 euros para os depósitos de auga de Zapeaus e Celme, e San Xoán de Río disporá de 48.000 euros para a mellora do firme da rede viaria.

Ademais, aprobouse unha modificación do plan de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial correspondente ao Concello de Cartelle.