A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por videoconferencia e presidida polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, aprobou as bases para a concesión de bonificacións a entidades polo uso das instalacións do Pazo dos Deportes “Paco Paz” durante a temporada 2020-2021. Poderá concederse dita bonificación nas tarifas cando a actividade para a que se vai a utilizar a instalación teña carácter de interese público, social, cultural ou deportivo, non podendo tratarse dunha actividade que reporte beneficio económico. As solicitudes están a disposición de todos os interesados na páxina web do Pazo dos Deportes, www.pazopacopaz.es, ou nas oficinas da instalación.
Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou a incorporación ao Plan provincial de cooperación do exercicio 2021, aos efectos de obter a declaración de utilidade pública, da obra denominada “Urbanización de parcela en Boborás, con destino ao futuro centro de saúde”, cun orzamento de 48.000 euros financiados integramente con cargo ás arcas municipais.
Asemade, aprobouse hoxe unha subvención de 71.696 euros para a rehabilitación e ampliación da Casa do Concello de Monterrei (2ª achega), e outra subvención por importe de 42.880 euros ao Concello de Nogueira de Ramuín para o convenio con Fenosa para o soterramento de canalizacións eléctricas en Santo Estevo. Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou unha subvención de 125.000 euros para o Concello de Riós para a construción do centro de día (2ª achega).
Posteriormente, tivo lugar a reunión do Comité de seguimento do COVID-19, xuntanza telemática na que se analizou o desenvolvemento da pandemia en Ourense; o seguimento da ordenanza de teletraballo no entes dependentes da Deputación e, en neste sentido, os servizos que se prestan a concellos e veciñanza.