A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe un conxunto de achegas por un importe próximo aos 81.000 euros para diferentes actuacións nos ámbitos do emprego, cooperación, cultura e deporte. A reunión do órgano de Goberno da institución provincial celebrouse como vén sendo habitual de modo telemático.
A maior contía das aprobadas hoxe, 42.750 euros, corresponde á resolución do concurso de subvencións para proxectos empresariais ou de autoemprego en concellos rurais en declive demográfico, no marco do proxecto EmprendOU, financiado polo programa de emprego xuvenil do Fondo Social Europeo. A resolución establece unha subvención mensual de 712 euros, por un tempo máximo dun ano, para cinco proxectos a desenvolver en Celanova, Oímbra, Xunqueira de Espadanedo, Riós e a Rúa en educación infantil, ensino regrado, servizos de limpeza, comerciais e de fotografía.
En cooperación aprobouse unha modificación no importe da subvención concedida ao Concello de Leiro para senllos proxectos de eficiencia enerxética no alumeado público, incrementando a achega inicial en pouco máis de 7.000 euros. Neste mesmo apartado o Concello de San Amaro recibirá 9.000 euros para o sistema municipal de bombeo de auga.
A sesión de hoxe complétase cunha subvención de 14.000 euros para a Fundación Vicente Risco; 5.000 euros para a Asociación cultural da Castaña; e 3.000 euros para o Concello de Muíños con motivo do campionato galego de piragüismo nas modalidades K2 e C2.
Ao remate da Xunta de Goberno e tamén por vía telemática celebrouse unha nova reunión do Comité de seguimento do COVID-19 para analizar a situación da crise sanitaria e dos centros e instalacións da Deputación nos que está en marcha a modalidade de teletraballo.