A Xunta de Goberno aprobou tamén a resolución dos concursos de axudas a clubs deportivos de Ourense para o 2020 e de axudas no marco do proxecto EmprendOU, e deixou sen efecto as convocatorias de axudas para a realización de eventos deportivos e actividades físico-deportivas durante o exercicio 2020.
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe, na reunión mantida por videoconferencia, a programación e a fixación de prezos de centros culturais e deportivos da institución provincial. Neste sentido, na xuntanza acordouse establecer unha nova tarifa temporal nos prezos fixados pola prestación de servizos e realización de actividades no Pazo dos Deportes “Paco Paz”, dado que a programación deportiva está condicionada polas circunstancias derivadas do COVID-19, polo que resulta necesario axustar as tarifas a esa realidade, que virá determinada por unha programación moi limitada en volume de oferta deportiva e horarios.
Deste modo, a Xunta de Goberno aprobou establecer que, ante a previsión de apertura no mes de setembro en similares condicións ás actuais, unha nova tarifa temporal, pola prestación de servizos e realización de actividades neste centro, ata agora inexistente, para un mes, por importe de 20 euros que deixará de ser de aplicación cando o Pazo dos Deportes retome a súa programación ordinaria.
No apartado cultural, aprobouse a programación do curso 2020-2021 e fixáronse os prezos para as actividades do Centro Cultural Popular Xaquín Lorenzo-Escola de Danza que durante o vindeiro curso ofertará os seguintes obradoiros: baile tradicional, canto tradicional e pandeireta, gaita para grupos de acompañamento de baile tradicional, tecido artesán en teares tradicionais e xogos populares. Os interesados en participar teñen de prazo para formalizar a súa matrícula desde o día 14 de setembro ao 31 de outubro.
Tamén se aprobou a programación da Escola Provincial de Artes e Oficios para o curso 2020-2021, na que se contempla as seguintes accións formativas: debuxo e iniciación á pintura, perfeccionamento en pintura, talla e escultura en madeira, modelado-escultura en barro, e oleiría. O prazo de inscrición será durante os días 1 ao 30 de setembro, ambos incluídos e poderán realizala no centro cultural “Marcos Valcárcel”.
Por último neste apartado, aprobouse a programación e oferta de prazas para o curso 2020-2021 da Escola Provincial de Gaitas da Real Banda de Gaitas de Ourense. No vindeiro curso impartiranse os seguintes cursos: ciclo elemental gaita, ciclo medio gaita, ciclo superior gaita, curso adultos gaita, percusión, canto e pandeireta, curso adultos canto e pandeireta e zanfona. O prazo de matrícula será do 1 de setembro ao 31 de outubro, ambas datas inclusive.
A Xunta de Goberno aprobou tamén a resolución dos concursos de axudas a clubs deportivos de Ourense para o 2020 e de axudas no marco do proxecto EmprendOU. No primeiro deles, aprobou máis de 100 axudas a diferentes clubs deportivos de disciplinas como o fútbol, hóckey, voleibol, rugby, ximnasia, ciclismo, bádminton, baloncesto, balonmán, kickboxing, atletismo, entre outras. E, a segunda resolución aprobada pola Xunta de Goberno é a referida ás axudas a persoas físicas que leven a cabo proxectos empresariais e de autoemprego en concellos rurais de menor poboación, no marco do proxecto EmprendOU, polo que a Deputación concedeu axudas de 712,5 euros ao mes (podendo ser ata un máximo de 12 meses) a tres proxectos.
Por outra banda, na reunión acordouse deixar sen efecto a convocatoria para a concesión de axudas a entidades deportivas e sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos para realizar durante o exercicio 2020, así como a convocatoria para a concesión de axudas a concellos e mancomunidades para a organización de actividades físico-deportivas durante o exercicio 2020. Este acordo vén determinado polo novo escenario social e económico no que nos atopamos na actualidade derivado da crise sanitaria que fixo que, durante estes meses, as administracións e en concreto a Deputación de Ourense centraran os recursos e esforzos en loitar contra a pandemia do COVID-19.
Por elo, a Deputación de Ourense, tralas previas consultas cos axentes sociais e económicos da provincia, considerou necesario reasignar os recursos económicos dispoñibles no momento actual coa finalidade de establecer unha serie de liñas de axudas acordes a este novo escenario, considerando que é necesario adaptar a súa actividade subvencional, en particular no relativo á práctica deportiva e á celebración dos eventos deportivos, debido ás restricións impostas pola normativa ditada pola Xunta de Galicia.
Por último, no apartado de cooperación con entidades e concellos da provincia, a Xunta de Goberno aprobou destinar 303.661 euros en axudas para proxectos de emprego, infraestruturas, abastecemento, saneamento, mellora de camiños, entre outros.