Alejandro Blanco recibe o Premio Ourensanía 2021 “como exemplo de valores deportivos e compromiso cunha terra que fabrica medallas”

No Teatro Principal de Ourense, onde se celebrou o acto de entrega da distinción, o presidente provincial Manuel Baltar destacou que o galardoado entra hoxe “nunha relación de gañadores con total xustiza porque, ademais da túa exitosa traxectoria nacional e internacional, sempre exhibes con orgullo a túa condición de ourensán”, pedíndolle que “alumees propostas e apoies as nosas no desenvolvemento do deporte en Ourense”.

Agradecido “por nomearme como un cidadáns embaixadores de Ourense”, Alejandro Blanco prometeu exercer con orgullo o seu novo cometido “representando a Ourense e a todos os seus cidadáns, en España e no resto do mundo, do mesmo xeito que represento ao olimpismo no 206 comités olímpicos do mundo”, pedindo expresamente que se manteña “o empeño de construír a cidade e a provincia termal”.

O xurado acordou conceder a Alejandro Blanco este galardón “por toda unha traxectoria vital e profesional dedicada ao mundo do deporte, tanto desde a práctica persoal como polo seu destacado papel na defensa do labor que realizan as federacións deportivas, pero sobre todo como firme valedor do movemento olímpico”.

O presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, recibiu hoxe o Premio Ourensanía 2021 no transcurso do tradicional e solemne acto que se celebra no Teatro Principal da cidade coincidindo coa festividade de San Martiño, patrón de Ourense, e que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, así como coa presenza do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices. Todos eles acompañados por representantes dos ámbitos institucional, cultural, económico e social da provincia e do resto de Galicia, pero tamén cunha importante asistencia de representantes de federacións deportivas pertencentes ás modalidades que tiveron e terán destacadas competicións en territorio ourensán como o remo, piragüismo, ciclismo, balonmán, atletismo ou bádminton.

Alejandro Blanco recibiu o Premio Ourensanía 2021, segundo recolle a acta do xurado, “por toda unha traxectoria vital e profesional dedicada ao mundo do deporte, tanto desde a práctica persoal como polo seu destacado papel na defensa do labor que realizan as federacións deportivas, pero sobre todo como firme valedor do movemento olímpico, o que lle valeu o recoñecemento ao seu traballo por parte do Comité Olímpico Internacional”.

Manuel Baltar afirmou que, con este galardón, “recoñecemos en Alejandro Blanco un exemplo dos valores deportivos, o sacrificio, o afán de superación, o traballo en equipo, e do compromiso cunha terra que fabrica medallas”. Hoxe, sinalou, “entras nunha relación de gañadores do Premio Ourensanía con total xustiza, unindo o teu apelido a outros ilustres desta terra como Barreiros, Prego ou Taín, porque, ademais da túa exitosa traxectoria nacional e internacional sempre exhibes con orgullo a túa condición de ourensán”.

No galardoado, destacou o presidente provincial, “vemos ao xestor deportivo internacional, chamado para lograr consensos e solucionar conflitos, á persoa de concordia” que por quinta vez consecutiva vai liderar o Comité Olímpico Español. “Tiña que ser un de Ourense”, dixo.

Como persoa distinguida “para que sigas sendo exemplo de compromiso e bonhomía ourensá”, pediulle Baltar que “alumees propostas e apoies as nosas no desenvolvemento do deporte en Ourense, nunha provincia onde implantamos un ecosistema de turismo deportivo no que teñen cabida desde a estación de montaña de Galicia, Manzaneda, ata o Parque Náutico de Galicia en Castrelo de Miño; onde veñen seleccións internacionais de remo e piragüismo a preparar os Xogos Olímpicos e campionatos internacionais; o Ourense capital do hóckey en Galicia; a candidata a sede do Campionato Europeo de Balonmán en 2028; ao Ourense do ciclismo”. A unha provincia, en definitiva, “dos clubs e deportistas que tantos éxitos e orgullo de seu nos teñen dado durante toda a historia”. E desde hoxe, engadiu “contigo a Ourensanía será máis rápida, máis alta e máis forte”, facendo así referencia ao lema do olimpismo.

O mes de Ourense

En novembro, no mes de Ourense, sinalou Manuel Baltar, “celebramos novamente a Ourensanía, que máis que un concepto é un sentimento de pertenza a unha terra, a un pobo e a unha cultura bimilenaria viva, que perdura”. Unha “Afirmación de Ourensanía” definida polo poeta Luís González Tosar e publicada hai dez anos nun día como hoxe (11 do 11 de 2011) e subscrita por escritores, artistas, cineastas ou xestores culturais, “por homes e mulleres libres e creativos que participan e lexitiman o noso xeito, o “proprio”, de percorrer e de interpretar o mundo”.

Destacou Baltar a celebración do acto no Teatro Principal, situado na rúa da Paz “na que naceron Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Xoaquín Lourenzo e mesmo Eduardo Blanco Amor”, citando a máis dunha vintena de intelectuais e emblemas da cultura ourensá que “como grandes inmortais deron resposta á terra nutricia con sentimento e emoción, con humor e talento, baixo a divisa universal da ilustración, erguida por frei Benito Jerónimo Feijóo, o sabio de Casdemiro”.

Unha Ourensanía que neste 2021, apuntou, “deu máis exemplos da universalidade dun sentimento único, auténtico, revelado na personalidade creativa e traxectoria de persoas que representan moito para esta provincia”, aludindo a Basilio Álvarez, o abade de Santa Olaia de  Beiro; a José Luis Cuerda, Fillo Adoptivo da provincia; a Alfredo Conde, Fillo Predilecto; e a Manuel Villanueva que vén de ser proposto para a distinción de Fillo Adoptivo.

Profundou o presidente provincial no concepto de Ourensanía, “que tamén é a nosa lingua propia, que cumpríndose o pasado 30 de outubro os 101 anos da aparición do primeiro número da revista Nós, foi a cerna do manifesto que as deputadas e deputados que apoiamos o goberno provincial asinamos no concello do Irixo despois de facer un tramo do chamado “Camiño de Nós”, outra aposta cultural desta provincia, culta e literaria con maiúsculas”.

Precisamente rematou cunhas palabras de Eduardo Blanco Amor no número 145 de Nós, onde o escritor definía o ourensanismo como “unha sorte de deslocalización, refinamento e transcendencia do pulo galeguizante; dunha sorte de filtro ourensán que sempre se traduce en compromiso, que condiciona e que decanta, que enche as eivas, que complementa con fina ironía crítica, que vai por diante”.

Cidadán embaixador de Ourense 

Agradecido “por nomearme como un cidadáns embaixadores de Ourense”, Alejandro Blanco lembrou a súa historia de barrio na capital, “feliz e despreocupado”, e como descubriu o cine no propio Teatro Principal, asegurando que grazas a este premio crea “un novo vínculo con esta terra, tendo o privilexio pero tamén o deber de asumir este novo cometido, que prometo exercer con orgullo, representando a Ourense a todos os seus cidadáns, en España e no resto do mundo, do mesmo xeito que represento ao olimpismo no 206 comités olímpicos do mundo”.

Blanco invitou aos presentes a reflexionar sobre a transcendencia da palabra cidadanía “como identidade de ourensáns e de dous dos seus máis importantes valores: o traballo e o esforzo”, subliñando que a Ourensanía “non ten fronteiras e xunto coa nosa lingua, cultura e gastronomía é un patrimonio que debe ser compartido co resto da humanidade”.

Apelou ao futuro, pedindo que se manteña “o empeño de construír esa cidade e provincia termal, para deixar unha herdanza ás sucesivas xeracións e darlles un motivo de orgullo para seguir ligados a esta terra, de tal xeito que veñan as oportunidades de traballo, riqueza e prosperidade”, ao tempo que pediu a Manuel Baltar que persista “no seu proxecto internacional, onde o deporte é un cómplice imprescindible”, ofrecéndose a traballar xuntos neste obxectivo.

Alberto Núñez Feijóo falou da Galicia universal de Vicente Risco e as orixes do movemento olímpico sinalando que ambas as dúas citas “teñen como común denominador ao premiado, un ourensán ilustre sen cuxo nome non se entende o olimpismo español e internacional”. Alejandro Blanco, dixo, “é un compendio desas virtudes que permiten que os aneis olímpicos sexan unha bandeira na que nos podamos recoñecer todos”.

O acto de entrega do Premio Ourensanía 2021 principiou cunha recepción oficial no Pazo Provincial, ao que seguiu o tradicional percorrido a pe do premiado e os presidentes provincial, autonómico e do Parlamento galego ata o Teatro Principal, acompañados pola Real Banda de Gaitas. O galardoado recibiu unha figura de bronce, obra do escultor Xosé Cid, e unha copia da acta do xurado. A gala incluíu a proxección de vídeos sobre a traxectoria persoal e profesional do premiado, de felicitacións de medallistas olímpicos e de Ourense e os seus principais recursos, xunto coa interpretación de dúas pezas musicais a cargo de Natalia Kendra e, para rematar, a interpretación a cargo da Coral de Ruada de “Ourense ao lonxe” e “Ourense no solpor”, himno oficial da provincia de Ourense.

Unha vida dedicada ao deporte

O Premio Ourensanía, que concede a Deputación, é un recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

Na súa edición 2021, o xurado decidiu por unanimidade conceder esta distinción a Alejandro Blanco Bravo, presidente do Comité Olímpico Español, “pola súa traxectoria vital e profesional dedicada ao mundo do deporte, tanto desde a práctica persoal como polo seu destacado papel na defensa do labor que realizan as federacións deportivas, pero sobre todo como firme valedor do movemento olímpico, o que lle valeu o recoñecemento ao seu traballo por parte do Comité Olímpico Internacional”. O xurado valorou tamén “o esforzo do presidente do Comité para afrontar os Xogos Olímpicos de Tokyo, uns dos máis difíciles da historia polas circunstancias sanitarias de todos coñecidas e que foron todo un éxito para o noso país, pois o 55,5 % dos deportistas que representaron a España están entre os oito mellores do mundo, sexan medallistas ou obtiveran diploma olímpico”. Ademais, destaca a acta do premio, “España foi o terceiro país con máis representación no deporte por equipos, tan só por detrás de Estados Unidos e Australia, o que supón un éxito engadido.

O xurado, presidido Manuel Baltar, estivo integrado polos vogais Luis González Tosar, Miguel Anxo Fernández, Juan Luis Saco, Jesús de Juana, Maribel Outeiriño, Manuel Guede, Eva Torres como portavoz, Patricia Torres como deputada provincial de Cultura, e Aurelio Gómez Villar como secretario.

Alejandro Blanco Bravo (Ourense, 1950), licenciado en Ciencias Físicas, está vinculado no ámbito deportivo ao judo, no que é cinto negro 7º Dan, ademais de adestrador e árbitro. Ocupou varios cargos directivos nesta disciplina, chegando en 1993 á presidencia da Real Federación Española de Judo e Deportes Asociados. Foi ademais un dos destacados impulsores da constitución en 2003 da Confederación de Federacións Deportivas Españolas. En setembro de 2005 foi nomeado presidente do Comité Olímpico Español, sendo reelixido en 2009, 2013 e 2017, sendo o próximo 1 de decembro cando iniciará o seu quinto mandato. Blanco Bravo foi designado polo Comité Olímpico Internacional en diversas ocasións como mediador para Sudamérica na resolución de conflitos entre os comités nacionais e os seus respectivos gobernos. Eloxiado polo propio COI polo seu traballo, destaca tamén pola firme defensa da independencia do movemento olímpico e do deporte e do papel que representan as diversas federacións deportivas.