Aberto o prazo para inscribirse no “Trail do Xurés” que organiza o Inorde

A partir de hoxe, ás 18.00 horas, os interesados en participar poderán anotarse na segunda edición desta proba que conta co apoio do Axencia de Turismo de Galicia para gozar da riqueza natural e paisaxística de Muíños.

O Inorde organiza, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a segunda edición do “Trail do Xurés” que desde hoxe a partir das 18.00 horas, abre o seu prazo de inscrición para que todos os interesados en participar neste evento poidan gozar da riqueza natural e paisaxística que ofrece o municipio de Muíños.

A proba, que se celebrará o vindeiro 25 de setembro, terá a súa saída ás 16.30 horas, desde o Complexo de O Corgo de Muíños. O percorrido será de 15 quilómetros cun desnivel aproximado de 600 metros que levará aos participantes a diferentes puntos de interese e de gran beleza do municipio.

Os interesados en participar poderán inscribirse a través da páxina web www.traildoxures.com, a partir de hoxe ás 18.00 horas, ata cubrir as 300 prazas ofertadas.

O “Trail do Xurés” é outra das probas que forma parte do convenio de colaboración asinado entre o Inorde e a Axencia de Turismo de Galicia para realizar ao longo do ano diferentes eventos que contribúan a promocionar o potencial turístico da nosa provincia a través do deporte e supoñan un pulo para os sectores económicos de proximidade. Este tipo de probas avalan, unha vez máis, a gran capacidade que ten a nosa provincia para ser un importante destino de turismo deportivo.