A XVI carreira por montaña “Canón do Sil” levará a preto de 200 deportistas a percorrer a Ribeira Sacra, co apoio da Deputación

A proba disputarase o 22 de outubro en Parada de Sil con tres percorridos de diferente distancia e esixencia física 

Os organizadores desta edición presentaron no Pazo Provincial ao deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, os detalles da carreira

Unha nova edición da carreira por montaña “Canón do Sil” levará a preto de 200 deportistas a percorrer a Ribeira Sacra, co apoio da Deputación de Ourense. Os organizadores da mesma déronlle a coñecer no Pazo Provincial, os detalles da competición ao deputado provincial de Representación Institucional, Rosendo Fernández. 

No encontro estiveron o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; e o presidente do Club de Montaña Ribeira Sacra, Xosé Antón Vázquez. 

A XVI edición desta carreira, a decana de Galicia, disputarase o 22 de outubro en Parada de Sil con tres posibles percorridos de diferentes distancias e esixencia física. O de maior percorrido é de 33 quilómetros cun desnivel positivo de 2.220 metros, a distancia intermedia propón un recorrido de 17 quilómetros cun desnivel positivo de 950 metros e, por último, os interesados poden optar pola máis curta que é de 7 quilómetros cun desnivel positivo de 370 metros. Nos tres casos, os participantes transitarán por camiños de terra que os levarán a coñecer lugares icónicos da zona. 

A proba, organizada polo Club de Montaña Ribeira Sacra e polo Concello de Parada de Sil, considerada unha das probas máis antigas de Galicia, será ademais nesta edición a final da Copa de Carreiras de Montaña da Xunta de Galicia.