A XV BTT de Maceda – Copa Deputación reunirá ao redor de 250 participantes

O asesor de Deportes da Deputación, Quique Álvarez, participou hoxe en Maceda, na presentación da XV BTT de Maceda – Copa Deputación que se disputará o vindeiro sábado, 18 de maio, a partir das 15.30 horas.

A proba, organizada polo Club Ciclista Maceda, está consolidada no calendario galego de BTT, ademais de estar incluída na Copa Galicia XCO. Transcorre polo circuíto deseñado na zona do río de Maceda, con saída e chegada nas instalacións das piscinas municipais, como vén sendo habitual.

A organización agarda unha participación duns 250 participantes de diferentes categorías, entre as que se atopan os deportistas do club local Academia Postal – A BANCA – Maceda, que contará con corredores como Saúl López, Iván Feijóo, en categoría Elite; Sarela Conde, en Sub23 Fem, Alejandro García, en Juniors, actual campión de España, e recente vencedor da proba da Uci Juniors Series de Heubach, (Alemaña)  e que ven de participar nos Campionatos de Europa de XCO en Romanía, coa Selección Española, onde finalizou 11º.