A Xunta de Goberno destina máis de 290.000 para temas de deporte, infraestruturas e medio ambiente

Na reunión tamén se aprobou a concesión de bonificacións nas tarifas por uso das instalacións na tempada 2018-2019 do Pazo dos Deportes “Paco Paz”.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe un total de 292.448 euros para axudas a entidades e concellos da provincia de Ourense para o desenvolvemento de iniciativas en materia de deportes, infraestruturas e medio ambiente. Así o informou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, quen deu conta hoxe dos acordos adoptados pola dita Xunta, correspondentes ao venres 5 de abril de 2019.

No relativo á cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas para o Concello de Celanova, de 25.000 euros cada unha, para os gastos de mantemento da Escola Infantil Municipal correspondentes ao ano 2019, e para asesoramento xurídico.

Para o Concello de Maceda aprobáronse tres axudas, en materia de infraestruturas, dúas delas por importe de 40.000 euros cada unha e estarán destinadas á construción de beirarrúas e instalación de iluminación pública en Maceda, así como para a humanización da rúa Baixada Matadoiro. A terceira axuda, de 18.948 euros, será para a humanización da rúa Cantón.

A Xunta de Goberno aprobou tamén unha axuda de 40.000 euros para o Concello de Padrenda destinada a traballos medioambientais, mentres que, para o Concello de Punxín aprobou unha axuda de 5.000 euros para o servizo de transporte municipal para dependentes correspondente ao ano 2019 e, por último, para o Concello da Veiga, aprobou unha axuda de 12.000 euros para levar a cabo arranxos en San Fiz.

No ámbito deportivo, na reunión aprobouse unha axuda para a Real Federación Gallega de Fútbol, por importe de 48.500 euros, para a Copa Deputación de Fútbol e Fútbol Sala 2019. Para o Club Deportivo Cultural Ribeiro aprobou unha axuda de 38.000 euros para os gastos de funcionamento e mantemento do club correspondentes á tempada 2018-2019. Así mesmo, na reunión aprobouse unha emenda de erro material no concurso para a concesión de axudas a deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais correspondente á tempada 2017-2018.

Continuando en materia de deportes, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de bonificacións nos prezos públicos polo uso das instalacións deportivas na tempada 2018-2019 do Pazo dos Deportes “Paco Paz” nas porcentaxes e nas entidades deportivas que se indican: o Club Baloncesto Valenzá (45%), o Club Escola Ximnasia Burgas (90%), o Club Burgas Voleibol (45%), as Escolas Deportivas Ourense Fútbol Sala (20%), o Club Marusia Ximnasia (100%), o Club Tenis de Mesa Academia San Mamed Ourense (60%), a Asociación Aixiña (100%), a Asociación AODEM (100%), a Asociación dano cerebral Renacer (100%), Special Olympics Galicia – Xogos Autonómicos de Fútbol-Sala (100%). Así mesmo, as Copas Deputación da tempada 2018-2019 gozarán tamén dunha bonificación do 100% polo uso destas instalacións.

Por último, aprobouse unha modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2019, relativa ao Concello de Vilamarín, destinando o importe consignado no Plan provincial do 2019, en vez da contratación da obra “mellora do tratamento na EDAR do parque empresarial de Vilamarín”, á achega que ten que realizar este municipio ao convenio asinado coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, para o financiamento da referida obra, por un importe de 48.000 euros.