A Xunta de Goberno da Deputación destina máis de 340.000 euros para temas de cultura, deporte, infraestruturas e benestar

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou destinar un total de 343.086,25 euros para temas de cultura, deporte, infraestruturas e benestar, en axudas para asociacións e concellos da provincia de Ourense. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao xoves 20 de outubro.

En concreto, a Xunta de Goberno aprobou en materia de cooperación coas asociacións da provincia, unha axuda de 10.000 euros para gastos de funcionamento e mantemento da Asociación Cultural da Castaña; unha axuda para a Asociación de Diminuídos Psíquicos de Valdeorras (ASFAVAL) para a adquisición dun vehículo, por importe de 10.000 euros, e para a Fundación Carlos Casares, 25.000 euros para actividades da entidade correspondentes ao ano 2016.

No ámbito deportivo aprobou unha axuda de 9.000 euros para a Escudaría Ourense, para a celebración do Rally Ourense 2016, e ratificou o convenio de colaboración entre a Federación Galega de Judo e Disciplinas Asociadas e a Deputación de Ourense para a posta en marcha e co-financiamento dunha escola provincial de base de judo, para o cal o goberno provincial concede unha axuda de 3.000 euros.

No relativo á cooperación cos concellos da provincia, a Xunta de Goberno vén de aprobar unha axuda para o Concello de Bande por importe de 9.222,56 euros para a mellora da infraestrutura da levada de auga de Sarreaus a Bande; dúas axudas para o Concello de Baños de Molgas: 9.000 euros para adquisición dunha rozadora e 25.000 euros para a mellora das instalación deportivas. Para o Concello de Beade aprobou unha axuda de 24.441,20 euros para a instalación de maquinaria de elevador na Casa do Concello, e para o Concello de Carballeda de Avia, unha axuda por importe de 10.000 euros para a reparación dos danos ocasionados pola electricidade atmosférica na instalación da iluminación pública de Vilar de Condes e Muimenta. Outra das axudas aprobadas foi para o Concello de Cartelle para o equipamento do auditorio municipal por importe de 6.000 euros, e para o Concello de Castrelo do Val, unha axuda de 17.900 euros para a adaptación dos velorios de Piornedo, Fontefría, Monteveloso e Veiga de Nostre.

Para o Concello de Celanova, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 34.664,69 euros, para obras de restauración da cuberta do Pavillón Municipal de Deportes e, para o Concello de Lobeira para a contratación dunha adxunta de secretaría da administración xeral, unha axuda de 17.717 euros. Outra axuda aprobada foi para o Concello de Monterrei por importe de 20.000 euros para a limpeza, conservación e mantemento da contorna do Castelo de Monterrei e posta en funcionamento da Oficina de Turismo e, para o Concello de Paderne de Allariz para a adaptación da Escola de Figueiroá para velorio, unha achega de 10.000 euros.

Finalmente, ao Concello de Sarreaus destínanse para a reparación de vías municipais de 50.000 euros, e 44.213,40 euros para o Concello de Xinzo de Limia para a instalación de máquinas de frío nos velorios municipais; e o Concello de Xunqueira de Ambía recibirá unha achega de 8.000 euros para o Plan Piloto de creación de cooperativismo de horticultura neste municipio.

Asemade a Xunta de Goberno aprobou a lista de adhesións ao Convenio de cooperación entre o goberno provincial e os concellos da provincia para a prestación pola Deputación, do servizo de inspección dos tributos municipais para o período 2016-2019, no que se incluirían os concellos de Carballeda de Valdeorras e do Irixo.

Outros asuntos da reunión foron as resolucións dos concursos para a concesión de axudas, por unha parte a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos no ano 2016, polo que se concede en total 50.155,23 euros a 46 entidades da provincia para disciplinas deportivas como o fútbol, o piragüismo, o xadrez, a ximnasia, a natación ou o baloncesto, entre outras. O outro concurso resolto refírese ás axudas a concellos para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao exercicio 2016, polo que se concede un total de 99.868,32 euros en achegas para levar a cabo este tipo de actividades.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a expropiación forzosa para a execución da obra “Mellora, pavimentación e apertura dos accesos da rede viaria municipal”, no Concello da Peroxa, e en materia de facenda aprobáronse créditos de pagamento de facturas a proveedores por un importe total de 200.448,93 euros.