A Xunta de Goberno da Deputación aproba preto 300.000 euros en axudas para temas de deporte, cultura, infraestruturas e medio ambiente

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou un total de 298.547 euros en axudas para concellos e entidades da provincia de Ourense, destinadas a temas de deporte, cultura, infraestruturas e medio ambiente. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 21 de abril.

En concreto, na xuntanza aprobouse unha axuda de 50.000 euros para a Escudaría Ourense, para a celebración do Rallie Ourense 2017 e, no apartado cultural, unha axuda de 20.000 euros para a Fundación Cultural Privada Patronato Otero Pedrayo, destinada a gastos de funcionamento e mantemento da entidade correspondentes ao ano 2017.

En materia de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 10.000 euros para o Concello de Lobeira para o mantemento do servizo de augas, unha axuda por importe de 55.000 euros para o Concello de Maceda destinada ao campo de fútbol. Para o Concello de Xinzo de Limia, aprobou unha axuda de 111.770 euros para a construción dunha bancada no campo de fútbol Carrera e, por última, unha axuda de 51.777 euros para o Concello de Xunqueira de Espadañedo para o cambio de cadros eléctricos da iluminación pública.

Neste mesmo apartado, na reunión aprobáronse dúas modificacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017. Unha delas incorpora ao plan principal a obra “reforzo de firme con mestura asfáltica na OU-0851 O Barco N-536”, cun orzamento total de 60.100 euros, en substitución da obra “beirarrúas na OU-0851 O Barco N-536”. A outra modificación incorpora ao plan principal a obra “sinalización horizontal na  OU-0803 A Veiga (OU-0804)-A Ponte e na OU-0856 A Veiga (OU-0804)-Prada”, cun orzamento total de 22.747,33 euros, en substitución da obra “sinalización horizontal na OU-0804 Alto do Covelo”.

Por outra parte, na reunión aprobouse a expropiación forzosa para a execución da obra “ensanche na OU-0210 Leirado-Pontedeva”, no municipio de Quintela de Leirado.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a resolución da convocatoria   para a concesión de axudas para gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociacións veciñais de Ourense correspondentes ao exercicio 2017. Segundo esta resolución, concédese: unha axuda de 24.914,34 euros para a Federación da Asociacións de Veciños Ourense Limiar, unha axuda de 18.002,42 euros para a Agrupación de Asociacións de Veciños Miño, e unha axuda de 7.083 euros para a Federación de Asociacións de Veciños do Carballiño.

Asemade, na reunión aprobouse a resolución da convocatoria para a concesión de axudas a deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais correspondentes ao exercicio 2016. Conforme a esta resolución, a Deputación destina un total de 25.000 euros a 45 deportistas de 18 disciplinas, co achegas que van desde os 340 ata os 1.400 euros.