A Xunta de Goberno da Deputación aproba máis dun millón de euros de investimento para cultura, deporte, benestar e infraestruturas

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou destinar 1.207.100 euros para os ámbitos da cultura, deporte, benestar e infraestruturas da provincia de Ourense. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 15 de abril.

Na reunión aprobáronse dúas modificacións do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais do exercicio 2016; unha delas, relativa á Concello de Muíños, para o acondicionamento de espazos públicos en Cercedo, Fornadeiros e Soutelo, cun orzamento total de 79.000 euros, e outra para o Concello de Castrelo de Miño, cun investimento de 105.000 euros (52.500 euros para cada obra) para obras de conservación no complexo de turismo náutico e para a continuación do paseo fluvial do parque náutico.

A Xunta de Goberno aprobou tamén as seguintes axudas: por importe de 12.000 euros, unha axuda para o Concello de Barbadás para a adquisición dun camión motobomba para Protección Civil. Outra axuda a favor do Concello de Paderne de Allariz, por valor de 10.000 euros, para obras de infraestruturas e saneamentos. Para o Concello de Vilardevós, unha axuda de 10.000 euros para a adquisición de coitela quita neves e esparexedor de sal. E, por último, unha axuda para o Concello de Xunqueira de Espadañedo por importe de 50.000 euros para gastos de mantemento de servizos municipais correspondentes ao ano 2016.

Asemade aprobáronse as bases reguladoras da convocatoria da XXXV edición do Premio Blanco Amor de novela longa, e as referidas á convocatoria para a concesión de axudas dentro do Programa Ourense Líder, e as relativas ao fomento da natalidade da provincia de Ourense. O Programa Ourense Líder ten como obxectivo a tramitación e concesión de 7 bolsas individuais de estancias e prácticas laborais, de 6 meses de duración, en empresas estadounidenses, para a adquisición de coñecementos, competencias e cualificacións que completen o desenvolvemento persoal e profesional, e facilitar con elo o desenvolvemento de talento e a capacidade de liderazgo. Para as bolsas incluídas nesta convocatoria o financiamento ascende a un total de 103.000 euros.

Asemade, aprobáronse as bases relativas ao fomento da natalidade na provincia de Ourense. O seu obxecto é regular as axudas que a Deputación de Ourense, a través da súa Área de Benestar, outorgará ás familias que durante o ano 2016 teñan un fillo ou filla. Poderán ser beneficiarios destas axudas os proxenitores ou adoptantes dun neno ou nena nacido durante o ano 2016 (dende o 1 de xaneiro de 2016 e ata o 31 de decembro de 2016), sempre que figuren no empadroado dalgún concello da provincia de Ourense á data da solicitude da axuda e teñan unha antigüidade no empadroamento na provincia de ao menos 2 anos, inmediatamente anterior á data do nacemento do menor que motiva a solicitude. Para o financiamento destas axudas destinaranse 800.000 euros, sendo o importe de cada axuda de 300 euros por neno ou nena nacido durante o ano 2016.

Por outra banda, aprobouse na Xunta de Goberno a resolución da convocatoria para a concesión de axudas a deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais correspondentes ó exercicio 2015, para a que destina 26.100 euros.

Acordo axudas deportistas 2015. 15.04.2016