A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou 380.380 euros para axudas a concellos e asociacións da provincia, destinadas a temas de infraestruturas, cultura, deporte e benestar. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao xoves 10 de novembro.
En materia de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para o Concello de Boborás por importe de 77.019 euros para velorios municipais en Feás, Albarellos, Brués e Cameixa. Para o Concello de Cortegada, aprobou unha axuda de 99.116 euros para a segunda fase do campo de fútbol. Outra das axudas aprobadas na xuntanza foi para o Concello de Laza para a instalación dunha estación reemisora de televisión dixital terrestre en Camba por importe de 17.000 euros. Para o Concello de Nogueira de Ramuín a axuda aprobada foi de 25.000 euros para a adquisición dunha rozadora de brazo, e para o Concello de Punxín de 9.891 euros para a pavimentación do camiño de Barxelas á estrada de Figueiroa. As últimas dúas axudas aprobadas foron para o Concello de Xinzo de Limia por importe de 4.494 euros destinada á instalación dunha guindastre na piscina climatizada deste termo municipal e, para a Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense, unha axuda de 60.000 euros para o peche, construción e posta en marcha do Punto de Atención á Infancia.
No relativo á cooperación con asociacións, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas para a Asociación Cultural FETEGA de 10.367 euros e, para a Asociación de Empresarios do Polígono Barreiros de 20.000 euros, ambas destinadas aos gastos das entidades correspondentes ao ano 2016.
Asemade na xuntanza aprobouse a resolución da convocatoria do concurso para a concesión de axudas a concellos e mancomunidades de municipios para a organización de actividades físico-deportivas 2016, na que se aproba un importe total de 57.492 euros entre preto de 60 concellos da provincia de Ourense para distintas actividades deportivas.