A Xunta de Goberno da Deputación aproba máis de 1,5 millóns de euros para temas de cultura, deporte e infraestruturas

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou máis de 1.500.000 euros para temas de cultura, deporte e infraestruturas, en materia de cooperación cos concellos e asociacións da provincia de Ourense. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao xoves 29 de setembro.

En materia de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para o Concello de Baltar de 50.000 euros para o Plan de Impulso Cultural, Xuvenil, de Intercambio con Portugal e Potenciación Turística e Deportiva correspondente ao ano 2016. Asemade aprobouse a aceptación de modificación do proxecto presentado por este concello para mellores na piscina municipal e equipamento.

Outra das axudas aprobadas durante a xuntanza foi para o Concello de Bande por importe de 5.742 euros para a adquisición dunha coitela quitaneves. Para o Concello de Celanova aprobou dúas axudas, unha de 25.000 euros destinada á realización dun inventario municipal para valoración de bens e dereitos que constitúen o patrimonio municipal, e a outra de 20.000 euros para asesoramento urbanístico.

Asemade, aprobou a lista de adhesións  dos concellos de Nogueira de Ramuín e Piñor, ao Convenio de cooperación entre o goberno provincial e os concellos da provincia, para a prestación, pola Deputación de Ourense, do servizo de inspección dos tributos municipais para o período 2016-2019.

E nesa mesma liña de cooperación, A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou as bases reguladoras para a concesión de axudas para gastos de investimento de asociacións veciñais de Ourense, cunha contía máxima dispoñible para esta iniciativa de 100.000 euros. Tamén se aprobou as bases reguladoras para as axudas destinadas a gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociacións veciñais de Ourense, ambas correspondentes ao ano 2017. A contía máxima dispoñible é de 50.000 euros.

No ámbito deportivo, aprobou as bases reguladoras para a concesión de axudas: a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais do ano 2016, a clubs deportivos de Ourense para o ano 2017, para as Copas Deputación 2017, a concellos e mancomunidades de municipios para a organización de actividades físico-deportivas 2017, e para entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos 2017. En total, a Xunta de Goberno aprobou destinar 640.000 euros para todas estas actividades deportivas.

En materia cultural, aprobou as bases reguladoras para a concesión de axudas para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas, para o fomento das actividades escénicas e musicais, para entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas, e para concellos para a organización de actividades culturais e recreativas, todas elas correspondestes ao ano 2017. A dispoñibilidade orzamentaria para todas estas axudas é de 450.000 euros.

Por último, aprobou as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas para accións de promoción e xestión durante o vindeiro ano., cunha contía máxima orzamentaria dispoñible de 200.000 euros

No relativo á Escola de Artes e Oficios, na reunión aprobouse a programación anual deste organismo correspondente ao curso 2016-2017, que impartirán as seguintes accións formativas: debuxo e iniciación á pintura, perfeccionamento en pintura, talla de madeira, modelado e olería e esmalte de cerámica. O prazo para inscribirse será durante os días 30 de setembro ao 30 de outubro de 2016, e deberá realizarse no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.

Outro dos asuntos aprobados na xuntanza, foi a resolución do recurso no expediente de expropiación forzosa para a execución da obra de mellora da estrada provincial OU-0415 Brués-Portela da Cruz, no municipio de Beariz.