A Xunta de Goberno aproba máis de 100.000 euros para axudas a concellos e entidades destinadas a temas de Cultura, Deporte e Infraestruturas

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou un total de 141.128,8 euros en axudas para entidades e concellos da provincia para temas de Cultura, Deporte e Infraestruturas. Así o informou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao xoves 25 de maio.

En materia de cooperación coas entidades da provincia de Ourense, a Xunta de Goberno aprobou, no eido cultural, unha axuda de 10.000 euros para a Asociación Cultural da Castaña para gastos de funcionamento e mantemento da entidade correspondentes ao ano 2017. No ámbito deportivo, aprobou unha axuda para a Escudaría Luíntra por importe de 14.800 euros destinada ao Rally Ribeira Sacra 2015, e unha axuda de 12.000 euros para a Unión Deportiva Ourense Club Deportivo, para gastos de funcionamento da entidade correspondentes á tempada 2015-2016.

Por outra banda, no relativo a cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas para o Concello de Quintela de Leirado, unha delas por importe de 11.427,77 euros destinada a obras de pavimentación de rúas en Chedas e Forxán, e a outra axuda de 13.967,03 euros para a reparación da estación de augas residuais de Quintela. Para o Concello de Sandiás aprobou unha axuda de 22.394 euros para a urbanización da contorna do velorio de Couso de Limia. E, por último, unha axuda para a Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense por importe de 56.000 euros para os gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2017.

Nesa mesma liña de cooperación cos concellos, na reunión aprobáronse dúas modificacións do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017, unha delas relativa ao Concello de San Cibrao das Viñas, incrementado o orzamento total do proxecto, con cargo á achega municipal, en 10.000 euros, polo que a obra “beirarrúas en Fonteboa-Estrada N-525” pasará a ter un orzamento de 95.000 euros. A outra das modificacións afecta ao municipio da Veiga, que incrementa o orzamento total do proxecto “abastacemento e saneamento en Corexido e Casdenodres”, con cargo á achega municipal en 11.490,92 euros, pasando a ter un orzamento de 66.490,92 euros.

Deporte 

En materia de deporte, a Xunta de Goberno aprobou a resolución do concurso para a concesión de axudas a clubs deportivos de Ourense para o ano 2017, polo que aproba un total de 399.837,44 euros para 103 entidades deportivas da provincia de Ourense pertencentes a diferentes disciplinas deportivas como baloncesto, ximnasia, hockey, fútbol, patinaxe, piragüismo, tenis, voleibol, entre outras.

Tamén aprobou a resolución do concurso para a concesión de axudas para as Copas Deputación 2017 pola cal, aproba conceder un total de 84.789 euros en 38 axudas para diferentes disciplinas deportivas: atletismo, voleibol, xadrez, ximnasia, triatlón, balonmán, ciclismo, baloncesto, karate, judo, golf, entre outras.

Por outra parte, aprobou a corrección dun erro material na resolución da convocatoria para a concesión de axudas a deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais correspondente ao exercicio 2016. Concretamente, un erro motivado ao non figurar na acta a motivación da resolución da alegación presentada por un dos solicitantes destas axudas.

Medio Ambiente

No eido de Augas e Medio Ambiente, a Xunta de Goberno aprobou un convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e as entidades da provincia para a prestación de asistencia técnica no relativo á xestión de abonados nos servizos municipais do ciclo urbano da auga. A través deste convenio, a Deputación prestaralles ás entidades locais adheridas a asistencia técnica que resulte necesaria para a realización materiais de padróns, lectura de contadores, asistencia á facturación e/ou cobro, realización de inspeccións, cortes, restablecemento de subministración e precintado de contadores, sen delegación da xestión tributaria que seguirá a ser función propia da administración municipal. O servizo será prestado pola Deputación a través da entidade AquaOurense.

As entidades locais interesadas en adherirse a dito convenio remitiranlle á Deputación de Ourense o acto administrativo de adhesión, a cal será eficaz se a entrada do documento no rexistro xeral da Deputación se realiza entre os días 1 e 15 de cada mes, o primeiro día hábil do mes seguinte ou se a entrada se realiza entre os días 16 e o último de cada mes, o 15 día hábil do mes seguinte.

Por último, aprobou a modificación do convenio de cooperación da Deputación e os concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro, para a prestación de asistencia para a xestión das instalacións de abastecemento en alta “Razamonde-San Trocado” durante o primeiro semestre de 2017.