Menú
Pechar

A Xunta de Goberno aproba as bases da convocatoria de axudas para as Copas Deputación 2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe as bases reguladoras da convocatoria do concurso para a concesión de axudas para as Copas Deputación 2020, un programa que ten un forte arraigo e tradición na nosa provincia e que canaliza as axudas ao deporte de competición federado para garantir a continuidade de determinadas competicións deportivas amateur que, en moitos casos, constitúen a única actividade regulada que se organiza na provincia para determinadas disciplinas deportivas.

Polo tanto, a concesión destas axudas permite desenvolver, nunha ou varias xornadas, competicións deportivas baixo a denominación de Copas Deputación que se desenvolvan integramente na provincia de Ourense durante a presente tempada deportiva 2019-2020, non podendo existir máis dunha Copa Deputación por modalidade deportiva, entendida como cada un dos grupos nos que se divide unha disciplina deportiva.

Poderán ser beneficiarias deste programa as federacións deportivas galegas, a través das súas respectivas delegacións na provincia de Ourense. No caso de que a sede social da federación galega estivese radicada na nosa provincia, ou se esta carecese de delegación en Ourense, poderá realizar a solicitude a propia federación galega, directamente. Igualmente, as federacións poderán encomendarlle a organización da Copa Deputación a unha entidade deportiva domiciliada na provincia de Ourense, sendo esta última a que presente a solicitude. En todo caso soamente se admitirá unha solicitude por cada Copa Deputación. As federacións só poderán autorizar a unha única entidade deportiva para facer a solicitude. No caso de que varias entidades deportivas dunha mesma modalidade acreditasen ante a Deputación dispoñer da dita autorización, requirirase á federación para que determine cal é a única entidade autorizada.

A dispoñibilidade orzamentaria para esta convocatoria é de 79.000 euros e os interesados en solicitar ditas axudas teñen de prazo desde a publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións ata o 29 de febreiro de 2020.

No apartado de Cooperación, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda directa por razóns de emerxencia social, por importe de 3.000 euros, para a reconstrución dunha vivenda incendiada emprazada no Camiño do Pazo, en Taboadela. Así mesmo, aprobáronse dúas axudas para o Concello de Bande: unha de 14.658 euros para a adquisición do tractor rozadora, correspondente ao ano 2018, e outra de 9.499 euros para o arranxo da piscina municipal.

Para o Concello de Oímbra aprobouse unha axuda de 8.336 euros para a apertura ao público da Adega As Barrocas e, por último, para o Concello de Vilar de Barrio aprobouse unha axuda de 7.000 euros destinada á festa da Serra de San Mamede, correspondentes ambas ao ano 2019.