A Xunta de Goberno aproba 402.995 euros en axudas a concellos e asociacións

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá un total de 402.995 euros en axudas a concellos e a asociacións para temas de Deporte, Cultura, Infraestruturas e Medio Ambiente. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 7 de setembro de 2018.

En materia de cooperación cos concellos da provincia, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 90.000 euros para o Concello de Avión destinada á reforma do Centro Integral de Servizos Sociais e, para o Concello de Bande aprobou unha axuda de 21.900 euros para a contratación da dirección da obra de acceso á Igrexa de Santa Comba deste municipio. Para o Concello de Celanova aprobou unha axuda de 18.113 euros para a rehabilitación da antiga escola de Acevedo do Río, mentres que para o Concello do Irixo aprobou unha axuda de 15.000 euros para a pavimentación dunha praza na localidade de Coucieiro.

A Xunta de Goberno aprobou tamén unha axuda para o Concello de Larouco por importe de 30.000 euros para a adquisición dunha máquina rozadora e, para o Concello de Petín unha axuda de 30.000 euros para as obras de mellora no bombeo da auga da Mancomunidade Rúa-Petín. Para o Concello de Riós aprobáronse na xuntanza dúas axudas: unha de 30.000 euros destinada aos gastos de funcionamento do Centro Agroforestal, e outra de 20.000 euros para a mellora do saneamento no pobo de Florderrei. Para o Concello de Xunqueira de Espadanedo, aprobou unha axuda de 38.500 euros para os gastos de mantemento do Museo de Olería.

Por último nesta materia, a Xunta de Goberno aprobou a ratificación do convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Monterrei para a limpeza, conservación e mantemento da contorna do Castelo de Monterrei, polo cal a institución provincial destina unha achega de 29.983 euros a este municipio.

No relativo á cooperación con entidades, na reunión aprobouse unha axuda para Aquae Querquennae Vía Nova por importe de 63.499 euros para continuar coas escavacións arqueolóxicas que se levan a cabo tódolos anos neste campamento militar romano. En materia de deporte, aprobouse unha axuda de  13.000 euros para o Club de Natación Sincronizada de Ourense para o Campionato de España de Natación Sincronizada – Ourense Provincia Termal e, para a Federación Galega de Balonmán, aprobouse unha axuda de 3.000 euros para as Escolas Deportivas de 2018.