
A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o día 21 de outubro en Parada de Sil.
A XII edición da carreira de Montaña “Canón do Sil” trasladará aos participantes ao corazón da Ribeira Sacra aglutinando nun mesmo evento “deporte, natureza e turismo” sinalou hoxe o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación desta proba no Pazo Provincial, acompañado pola alcaldesa e o concelleiro de Deportes de Parada de Sil, Yolanda Jácome e Aquilino Domínguez; e polo presidente do C. M. Ribeira Sacra de Parada de Sil, Xosé Antón Vázquez.
A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que contribúe a “dinamizar o noso rural e a dar a coñecer un dos atractivos turísticos máis importantes da provincia: a Ribeira Sacra”, explicou Rosendo Fernández, quen destacou a crecente acollida de eventos deportivos nesta zona ourensá que son “o escaparate perfecto para mostrar ao mundo a beleza natural da Ribeira Sacra”.
Pola súa parte, Xosé Antón Vázquez explicou que se trata do Campionato de España de Clubes e que no marco desta xornada deportiva desenvolveranse tres carreiras: a XII carreira por montaña cun percorrido de 33 quilómetros, unha carreira media cunha distancia de 17 quilómetros, e outra carreira mini para cadetes de 7 quilómetros. “Trátase da proba decana de Galicia, unha proba dura e de moito prestixio a nivel nacional, de feito xa está xente inscrita de Madrid, Canarias, Baleares, Málaga, Valencia, Euskadi, entre outros lugares”, sinalou o presidente do C. M. Ribeira Sacra de Parada de Sil, quen asegurou que esperan chegar “aos 300 deportistas na carreira longa”. Os interesados en participar poden inscribirse a través da páxina www.championchipnorte.com.
A proba, que terá lugar o día 21 de outubro, comezará ás 9.00 horas desde a praza do Curtiñeiro. A alcadesa de Parada de Sil lembrou que a proba forma parte das diversas actividades deportivas e culturais que organiza o Concello “para poñer en valor a riqueza das nosas paisaxes e das nosas xentes, así como para fomentar o turismo como motor fundamental do noso desenvolvemento”. Así mesmo, Yolanda Jácome destacou o “retorno” que supón celebrar este tipo de eventos, “non só no noso municipio, senón tamén en toda a provincia”.