A “Vuelta a España” deixará en Ourense un retorno económico mínimo de 2 millóns de euros en cinco días

Manuel Baltar e o director xeral da “Vuelta a España” deron a coñecer hoxe a repercusión promocional e económica que o evento suporá para a provincia, cun movemento de 2.500 persoas na caravana e cunha audiencia total estimada en España de 2,3 millóns de espectadores.

No ámbito internacional, o ano pasado 390 millóns de persoas de todo o mundo seguiron a “Vuelta a España” en 190 países, sendo os máis destacados desde o punto de vista promocional Portugal, Francia, Bélxica, Holanda, Noruega, Dinamarca, Italia, Estados Unidos e Canadá.

A provincia de Ourense será a protagonista principal da 71ª edición da proba ciclista, pois o 10 % do percorrido da “Vuelta” correrase por estradas de Ourense, coa retransmisión da presentación no Balneario de Arnoia e a transmisión íntegra da primeira etapa, unha contrarreloxo entre o Balneario de Laias e o Parque Náutico de Castrelo de Miño, dúas horas de televisión en directo para todo o mundo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director xeral da “Vuelta a España”, Javier Guillén, presentaron hoxe no Castelo de Maceda os datos referidos á repercusión económica e mediática que terá para a provincia de Ourense a celebración de catro etapas da 71ª edición da “Vuelta” en territorio ourensán. Segundo destacou Javier Guillén, o retorno económico da proba ciclista suporá en cinco días uns ingresos mínimos na provincia de Ourense de 2 millóns de euros, no que atinxe á hospedaxe, manutención, combustible e demais gastos que ocasiona a presenza das 2.500 persoas que integran a caravana da “Vuelta a España”, entre ciclistas, técnicos, persoal de apoio e de organización, seguridade e medios de comunicación, que contan xa con 1.198 xornalistas, fotógrafos e técnicos acreditados.

A audiencia total estimada en España é de 2,3 millóns de espectadores, mentres que no ámbito internacional, o ano pasado 390 millóns de persoas de todo o mundo seguiron a “Vuelta a España” en 190 países, sendo os máis destacados desde o punto de vista promocional Portugal, Francia, Bélxica, Holanda, Noruega, Dinamarca, Italia, Estados Unidos e Canadá.

A provincia de Ourense será a protagonista principal da 71ª edición da proba ciclista, pois o 10 % do percorrido da “Vuelta” correrase por estradas de Ourense (300 quilómetros), coa retransmisión da presentación no Balneario de Arnoia e a transmisión íntegra da primeira etapa, unha contrarreloxo entre o Balneario de Laias e o Parque Náutico de Castrelo de Miño, que suporá dúas horas de televisión en directo desde Ourense para todo o mundo, ampliándose nunha hora a cobertura televisiva que TVE viña ofrecéndose en anos anteriores, e que permitirá unha inmellorable promoción da provincia ourensá na celebración desta edición da “Vuelta”, denominada “Ourense Termal – Madrid”. 

Manuel Baltar dixo na presentación que esta liña de traballo de promoción e fomento do deporte na nosa provincia “intégrase no Plan de mandato Ourense 15-19 da Deputación de Ourense, que abrangue iniciativas tanto para o deporte de base como de elite, e neste ano 2016, a alianza da institución provincial con “La Vuelta” sitúa á provincia de Ourense con especial protagonismo nunha das tres probas por etapas máis importante do mundo no ámbito do ciclismo”. 

O presidente do goberno provincial remarcou que “La Vuelta” “é algo máis que deporte, e así o reflicten os datos económicos e eventos como os que celebraremos nas semanas previas ao comezo da “Vuelta”, con actividades relacionadas con “La Vuelta Junior” e como a reunión que se celebrará en xuño na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, na que se dará conta aos alcaldes dos concellos ourensáns polos que pasa a “Vuelta a España” da repercusión promocional que significará para os municipios a súa presenza en medios de comunicación de todo o mundo, reunión que servirá tamén para coordinar os dispositivos para o desenvolvemento da carreira, “que este ano está especialmente ligada á nosa provincia, algo tremendamente positivo para o noso territorio, pois relaciona a imaxe de Ourense cunha proba deportiva de relevancia mundial”, expresou Manuel Baltar. 

Pola súa banda, Javier Guillén destacou “a grande notoriedade que supón para Ourense a retransmisión da proba para todo o mundo, incluíndo ademais a presentación dos equipos, que terá lugar no Balneario de Arnoia o 18 de agosto”, e subliñou a importancia de que “La Vuelta” se denomine “Ourense Termal–Madrid”, “co que elo supón de promoción tamén do termalismo para a provincia de Ourense”. 

Guillén comentou “o grande reto” que supón para a organización de “La Vuelta” “mover diariamente toneladas de equipamento en 500 vehículos e a 2.500 persoas, que son as que integran a caravana da “Vuelta”, todo un desafío de coordinación no que se une deporte, promoción, turismo e comunicación “dando como resultado un dos eventos máis seguidos polos espectadores e con maiores retornos económicos”.

O acto de presentación de hoxe contou tamén coa presenza do alcalde de Maceda, Rubén Quintas; do xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e do asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González. 

A presentación de equipos terá luar en Arnoia, sendo a primeira etapa unha crono entre Laias (Cenlle) e o Parque Náutico de Castrelo de Miño. A segunda etapa terá a súa saída na cidade de Ourense, a sexta etapa terá como meta a localidade de Luintra, e a sétima etapa sairá de Maceda. Catro etapas de máximo protagonismo ourensán, nas que a nosa provincia ofrecerá un gran escaparate ao mundo o vindeiro mes de agosto, co importante impacto mediático e promocional que elo supón nos máis de mil millóns de espectadores que se estima seguen a través dos medios de comunicación unha das probas ciclistas máis importantes do mundo.