Manuel Baltar puxo como exemplo “a capacidade organizativa da nosa provincia” para facer realidade este evento que une deporte ao máis alto nivel coa difusión das fortalezas turísticas do territorio ourensán”.
A Deputación de Ourense fixo posible que a “Ceratizit Challenge”, a carreira máis importante do calendario World Tour feminino, tivese á nosa provincia como protagonista con etapas na Rúa, Manzaneda e Pereiro de Aguiar.
“Éxito deportivo e de promoción internacional da nosa provincia”, así cualificou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, á Ceratizit Challenge, a carreira máis importante do calendario World Tour feminino, que tivo a Ourense como protagonista con etapas na Rúa, Manzaneda e Pereiro de Aguiar, esta última disputada hoxe, e na que se impuxo a corredora neerlandesa do Movistar Team, Annemiek Van Vleuten, quen conseguiu a súa segunda vitoria nesta proba despois dunha longa fuga en solitario na etapa disputada entre a estación de montaña de Manzaneda e o parque empresarial de Pereiro de Aguiar, cun recorrido de 107 quilómetros de media montaña e dous portos: o Alto de Cerdeira (3ª categoría) e o Alto da Lama (2ª categoría).
O presidente do goberno provincial, quen participou no acto de entrega de premios xunto ao alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, puxo como exemplo “a capacidade organizativa da nosa provincia” para facer realidade este evento que une deporte ao máis alto nivel coa difusión das fortalezas turísticas do territorio ourensán, un evento retransmitido para 176 países e que supuxo un forte impulso económico, social e turístico para a provincia de Ourense”.
Baltar cualificou con “magnífica valoración” estes tres días de competición “que trouxeron a Ourense o mellor do ciclismo feminino mundial, unha festa ciclista que consagrou a dúas grandes campioas como Van Vleuten e Reusser”. Xunto a elo, un importante retorno mediático e económico, fundamentalmente nas comarcas de Trives e Valdeorras, e en xeral en toda a provincia, pois rematando hai un día a etapa da Vuelta a España en Monforte, toda a capacidade hoteleira da provincia rexistrou unha ocupación case total; trátase dunha aposta da Deputación por este ecosistema de turismo deportivo que estamos implantando e polo deporte feminino”.
Manuel Baltar engadiu ao aspecto deportivo “a competitividade que se incrementará exponencialmente coa chegada da alta velocidade, o que unido ao noso potencial termal, único en Europa, fai que, a pesares da pandemia, a provincia de Ourense exhiba a súa fortaleza organizativa, pensando xa en novos retos deportivos de ámbito nacional e internacional que visibilizan a este territorio como un destino deportivo de primeira categoría”, expresou o presidente Baltar.
A proba ciclista remata mañá domingo coa chegada a Santiago de Compostela, unha derradeira etapa que sairá das Pontes e que completará un percorrido de 107 quilómetros sen portos de montaña. Esta é a primeira vez que esta carreira se disputa en Galicia, tendo á provincia de Ourense como protagonista, e contando con equipos de 10 nacionalidades e 140 corredoras.