A Deputación de Ourense colabora con esta proba que se celebrará os días 24 e 25 de agosto.
A VI Subida a Xunqueira de Ambía, tras oito anos de parón, volve ao calendario automobilístico galego, citando a máis de 40 pilotos os días 24 e 25 de agosto. A presentación desta proba tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto que contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do alcalde de Xunqueira de Ambía, Jose Luis Gavilanes; e do presidente e do vicepresidente da Escudaría Xunqueira de Ambía, Xosé Luis Cid e Xosé Luis Cid Prado.
A Deputación de Ourense colabora con esta competición “que deixou de celebrarse no ano 2011 e que, tras este parón, volve a retomarse unha iniciativa que xa daquela tiña moito éxito”, dixo Rosendo Fernández, quen lembrou a gran acollida que ten o deporte do motor na provincia de Ourense.
Pola súa parte, o alcalde de Xunqueira de Ambía dixo que esta proba “forma parte da programación cultural e deportiva que temos este verán no noso municipio, sendo unha proba potente e importante, que volvemos a poñer en marcha coas ilusións renovadas”. Ademais, a Subida a Xunqueira de Ambía foi “unha competición masivamente seguida por xente do concello e de fóra do municipio, que contribúe a dinamizar o rural e que esperamos continuar a celebrar nos vindeiros anos”, engadiu José Luis Gavilanes.
“Actualmente están inscritos 42 pilotos, pero aínda está aberto o prazo de inscricións ata hoxe ás 21.00 horas, polo que esperamos chegar aos 50 pilotos, superando a participación que había nas pasadas edicións”, dixo o vicepresidente da Escudaría Xunqueira de Ambía. Os interesados en anotarse poden facelo a través da páxina web da Federación Galega de Automobilismo.
A VI Subida a Xunqueira de Ambía celebrarase en dúas xornadas de competición que traerán o Campionato de Galicia de Montaña á provincia de Ourense e tamén aos principais equipos do certame. A cita comezará o sábado 24 de agosto, coas verificacións administrativas e técnicas pola mañá e, tralos adestramentos oficiais disputaranse as carreiras oficiais ás 17.30 horas e ás 19.30 horas. Ao día seguinte, a competición comezará ás 9.30 horas co adestramento, e a partir das 11.30 horas celebraranse as carreiras oficiais. A entrega dos premios terá lugar na prazo do Concello ás 15.00 horas.