A VI Marcha Ciclista Unificada, organizada por Special Olympics Galicia, chegará ás catro provincias galegas

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa deportiva que comezará o día 4 de outubro coa primeira etapa pola localidade ourensá de Baños de Molgas.

A Marcha Ciclista Unificada para persoas con e sen discapacidade intelectual que organiza Special Olympics Galicia, por sexto ano consecutivo, amplía o seu percorrido, chegando a localidades das catro provincias galegas. A presentación desta iniciativa deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Óscar Iglesias; o presidente da asociación ourensá As Burgas, Antonio Rincón; o ciclista, Bruno Seara; e a presidenta da asociación Asfaval, entidade socia de Special Olympics Galicia, Amelia Blanco.

A Deputación de Ourense colabora con este evento que, a través do deporte, “fomenta a inclusión e visibiliza a este colectivo de persoas, derrubando as barreiras físicas e psicolóxicas da sociedade á hora de coñecer e facilitar a participación destas persoas na vida social e comunitaria”, sinalou o vicepresidente do goberno provincial. Neste mesmo senso, o alcalde de Baños de Molgas dixo que con este evento espera que “se visualice o noso concello pero, sobre todo, que se vexa a ese grupo de persoas gozando dunha xornada integradora”. Asemade, Xaime Óscar Iglesias reivindicou o papel de Baños de Molgas como “referencia do ciclismo a nivel provincial, grazas á Deputación de Ourense, ó Inorde, e á asociación Ado Moure”.

A marcha comezará o vindeiro día 4 de outubro coa primeira etapa pola localidade ourensá de Baños de Molgas (12 quilómetros), continuando ao día seguinte, o 5 de outubro, na provincia de Lugo, onde percorrerán a etapa entre Friol e Parga (19 quilómetros). O día 6 de setembro, a marcha chegará a Santiago de Compostela, nunha ruta que se desenvolverá polo centro da capital (13 quilómetros) e rematará o día 7 de outubro en Vilagarcía de Arousa (13 quilómetros).

“En total, nas diferentes marchas, participarán 37 atletas con discapacidade intelectual, xunto cos clubs de ciclistas que tamén estarán na proba e os 20 voluntarios que haberá en cada ruta”, explicou Eladio Fernández, quen salientou o obxectivo desta iniciativa, que naceu hai algo máis de catro anos, para “ofrecer unha xornada de convivencia, de inclusión, para mostrar as capacidades que teñen as persoas con discapacidade intelectual”.