A Ribeira Sacra, protagonista do primeiro trail que se organiza nesta contorna unindo deporte, historia e natureza

A Deputación de Ourense co-organiza a proba, xuntamente co Concello de Nogueira de Ramuín e co Club de Montaña Cuevas Grupo Nogueira Trail, que consta de dúas modalidades: trail de 24 km, e trail de 50 km.

“Deporte, historia e natureza, xuntos nun evento que potencia a riqueza patrimonial e natural dunha das contornas máis fermosas, emblema de Ourense e de Galicia”. Así definiu hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o primeiro “Trail Ribeira Sacra”, unha proba deportiva que se disputará o vindeiro 2 de outubro e que reunirá en Luintra a corredores de diferentes provincias, que terán a oportunidade de gozar do deporte en plena natureza nun dos lugares máis acaídos para as carreiras de montaña.

A proba consta de dúas modalidades: trail curto, de 24 quilómetros, cun desnivel positivo (subida) de 1.300 metros, e trail longo, de 50 quilómetros, que terá un desnivel positivo de 2.900 metros. As inscricións poden realizarse ata o día 26 de setembro, e teñen un custe de 15 € e 25 € dependendo da proba que se queira correr. A formalización da inscrición, así como a xestión de dorsais e información sobre o percorrido e regulamento está a disposición dos deportistas na web: www.trailribeirasacra.es

A presentación do evento tivo lugar no Pazo Provincial coa participación, ademais do presidente da Deputación, do alcalde de Nogueira de Ramuín, César Parente; do director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste, e do director do trail, Diego Novelle. Manuel Baltar expresou que o goberno provincial “saúda positivamente e apoia esta novidosa iniciativa deportiva, nunha provincia como a nosa, perfecta para a práctica do deporte de base e tamén de alto nivel, como se está a demostrar co impulso que a Deputación de Ourense lle da ao termalismo deportivo, no que destacan as dez medallas acadadas nas Olimpíadas de Río por deportistas que realizaron os seus adestramentos no Centro de Adestramento de Remo (Cerlac) de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño, e tamén co protagonismo que Ourense ten este ano na “Vuelta” 2016, con catro etapas disputadas na nosa provincia”.

Pola súa banda, Artur Yuste dixo que o Grupo Cuevas patrocina ao club de montaña “porque o trail é unha modalidade que ten elementos como a actitude, a superación, o esforzo e o non renderse, aspectos que tamén definen a unha empresa como o Grupo Cuevas, que o vindeiro ano celebrará o seu 150º aniversario, data que será unha homenaxe á sociedade e ao mundo rural ourensán polo apoio que nos ten dado ao longo de todo ese tempo”. Yuste comentou que o grupo empresarial “se implica decididamente coa Ribeira Sacra, porque ademais da súa riqueza paisaxística ten como elemento diferencial a castaña, o alimento con máis tradición nesta contorna”.

César Parente agradeceu na súa intervención o apoio da Deputación de Ourense e das empresa que patrocinan o trail, e destacou o labor que desde fai un ano vén realizando o Club de Montaña Cuevas “coa preparación do evento a limpeza e preparación do percorrido e a promoción que fai tanto do trail como de toda a contorna”.

Finalmente, o director da proba, Diego Novelle, afirmou que o obxectivo “é consolidar este trail como unha das citas máis importantes do calendario desta especialidade deportiva, para que poida acadar rango internacional”. Asemade, explicou que o percorrido “será cronometrado e competitivo”, quedando rexistrados os tempos de paso e finais dos participantes das dúas probas, e rematando coa entrega de premios segundo as categorías que se detallan no regulamento.

O percorrido, con saída de Luintra, discorrerá polos pobos de Baldomar, Frontes, Fontefría, Liñares, Nogueira, Casas novas, Pena do Chao, Monte Verde, Fiscal, Sobrado, Mirador de Moura, Paradela, Mosteiro de Santo Estevo, Pombar, Acevedo, Cortecadela, Mundín e regreso a Luintra.