A 11ª etapa da proba ciclista (Mombuey-Ribeira Sacra-Luíntra), que se disputará o 5 de setembro, percorrerá 11 concellos ourensáns.
O evento foi presentado hoxe na Gudiña coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o director xeral de “La Vuelta”, Javier Guillén; o alcalde da Gudiña, José María Lago; o xerente do Inorde e representantes dos municipios polos que discorrerá a proba.
Baltar destacou o “impacto promocional que supón para a provincia de Ourense unha cobertura informativa que abrangue 190 países, con 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados, unha caravana de 2.500 persoas que xeran en cada etapa un gasto diario de 250.000 euros, e un seguimento a través de Internet de 12 millóns de persoas”.
A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo “co obxectivo de promocionar o turismo deportivo, o termalismo e a riqueza, monumental e natural da nosa provincia, impulsando internacionalmente a “marca Ourense”, expresou o presidente Baltar.
Un ano máis a provincia de Ourense volve ser protagonista dun dos acontecementos máis importantes do ciclismo mundial: a “Vuelta a España”, logo dos éxitos promocionais e económicos acadados nas roldas de 2016 e 2017 coa provincia como territorio destacado. Hai dous anos a Vuelta a España, por primeira vez en todas as súas edicións, foi presentada, saíu e acolleu catro das 21 etapas na provincia de Ourense, discorrendo por 18 concellos; e en 2017 a caravana publicitaria da Volta incluíu un vehículo coa imaxe promocional de “Ourense, a provincia termal”, material de merchandising, e presenza no “Parque Vuelta”, un espazo temático de ocio, espectáculos e gastronomía visitado por máis de 100.000 persoas.
Este ano, a 11ª etapa da Vuelta —que se disputa o 5 de setembro entre Mombuey, A Ribeira Sacra e Luíntra— percorrerá 11 concellos ourensáns: A Mezquita, A Gudiña, O Bolo, Viana do Bolo, Larouco, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira, Parada de Sil e Nogueira de Ramuín.
O evento deportivo foi presentado hoxe na Gudiña coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o director xeral de “La Vuelta”, Javier Guillén; o alcalde da Gudiña, José María Lago; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e representantes dos municipios polos que discorrerá a proba. Baltar destacou o “impacto promocional que supón para a provincia de Ourense unha cobertura informativa que abrangue 190 países, con 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados, unha caravana de 2.500 persoas que xeran en cada etapa un gasto diario de 250.000 euros, e un seguimento a través de Internet de 12 millóns de persoas”.
“Un ano máis Ourense está na Vuelta e a Vuelta está en Ourense, e hoxe, 24 de xullo, cando se conmemoran os trinta anos da vitoria de Pedro Delgado no Tour, e lembrando que tamén nesta data pero en 1994 Miguel Induráin gañou por cuarta vez consecutiva a rolda francesa, é un día acaído para falar de ciclismo e presentar, aquí na Gudiña, a etapa da Vuelta que percorrerá a provincia de Ourense”, comentou Baltar.
Promoción da provincia de Ourense
A Deputación de Ourense colabora con este evento “co obxectivo de promocionar o turismo deportivo, o termalismo e a riqueza, monumental e natural da provincia, impulsando internacionalmente a “marca Ourense”, expresou o presidente Baltar, engadindo que a Vuelta “significa moito máis que unha proba deportiva, polo que supón de dimensión económica, social e de promoción turística dos territorios”. “Por terceiro ano consecutivo Ourense é protagonista deste evento internacional que transcende o deportivo para colocarse como o gran escaparate que promove os mellores valores do deporte de alta competición, xunto coas riquezas paisaxísticas e monumentais dos lugares polos que discorre”, destacou Manuel Baltar, quen agradeceu a Javier Guillén “a excelencia na organización deste evento” e aos alcaldes dos concellos polos que pasará a proba e a toda a provincia “o seu apoio para que, un ano máis, Ourense siga exhibindo ao mundo a nosa riqueza humana, cultural e natural”.
Na presentación de hoxe, que tivo lugar en Casa Viúva da Gudiña, o director xeral da Vuelta explicou os detalles do percorrido da 11ª etapa, de 208 quilómetros. “Hai etapas duras, outras tranquilas, longas, curtas…, e hai etapas como esta de Ourense, extraordinariamente fermosa, que contribuirá a pór en valor uns dos escenarios máis belos que se poidan amosar a través da televisión na retransmisión de La Vuelta: a Ribeira Sacra”, dixo Javier Guillén.
Ese mesmo día, 5 de setembro, na contorna do Campus de Ourense instalarase o “Parque Vuelta”, un espazo temático de ocio para achegar este evento deportivo a toda a familia. A caravana publicitaria desta edición inclúe novamente un vehículo coa imaxe promocional da provincia de Ourense e está integrada por 16 marcas, con 28 vehículos e percorrerá 400 municipios de España.
A Vuelta, xunto ao Giro de Italia e o Tour de Francia, é unha das tres grandes roldas do calendario ciclista internacional, e este ano cumpre a súa 73ª edición. Sairá de Málaga o 25 de agosto e rematará en Madrid o 16 de setembro. Consta de 21 etapas –unha das cales discorre pola provincia de Ourense-, pasando ademais por outras zonas de Galicia, Andalucía, Castela A Mancha, Castela León, Asturias, Cantabria, País Vascos, Cataluña, Andorra e Madrid. Cada equipo ciclista está composto por 8 corredores e o pelotón inicial contará cun total de 176 ciclistas.