A IX edición do Torneo Futures “Cidade de Ourense” reunirá a máis de 70 xogadores chegados de 17 países como Xapón, Bolivia e Arxentina, entre outros. Este torneo desenvolverase nas instalacións do Club Santo Domingo, en Pereiro de Aguiar, do día 6 ao 13 de agosto, onde se darán cita algúns dos mellores proxectos de estrelas do panorama tenístico mundial. A presentación desta celebración deportiva tivo lugar o mércores 3 de agosto no Salón de Plenos do Concello de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez; o xefe do servizo de Deportes da Xunta, Mario Guede; o vicepresidente da Federación Galega de Tenis, Jose Mosquera; e o director do Torneo, Javier de la Torre.
Rosendo Fernández explicou que este torneo de tenis profesional, “está regulado pola Federación Internacional de Tenis, formando parte dun circuíto mundial de torneos. Trátase dun circuíto que está deseñado como porta de entrada dos profesionais ao circuíto da Asociación de Tenis Profesional (ATP) e outorga puntos para este circuíto”.
Asemade o vicepresidente da Deputación de Ourense destacou que en todo o mundo “se celebran ao ano entre 400 e 500 destes torneos, dos cales a España correspóndelle uns 35”.
Entre os obxectivos desta iniciativa deportiva atópanse “a promoción da práctica do tenis, situar o nome da provincia en actividades deportivas e tenísticas a nivel internacional, e a dinamización da economía ourensá a través das institucións”, dixo Rosendo Fernández.
Neste torneo participaron destacados xogadores como Andy Murray, no ano 2004, polo que se trata “dunha gran oportunidade para xogadores galegos e ourensáns”, afirmou Rosendo Fernández. “Nesta ocasión participarán tres ourensáns: Luis Morillo, Javier Rivera e Luis de León”, asegurou o director do torneo.
Pola súa banda, Jesús Vázquez destacou que “esta actividade que forma parte do calendario deportivo da nosa provincia, reunirá durante sete días, a unha extraordinaria selección de tenistas nacionais e internacionais. Un evento que permitirá que tenistas de todo o mundo veñan a Ourense a competir, sendo unha boa plataforma para lanzar as súas carreiras. E, para Ourense, será unha gran oportunidade para mostrar os seus encantos”.