A historia de Cualedro a través da Ruta dos Castros

A VII edición da Ruta dos Castros baixo o lema unha andaina pola historia, mesturará natureza, historia e deporte, no municipio de Cualedro o vindeiro domingo, 22 de maio. A presentación deste evento tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial onde participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero; a presidenta da Asociación de Sendeirismo, Amaya Álvarez, e o investigador Eduardo Castro.

Rosendo Fernández salientou que esta andaina discorre polos principais lugares patrimoniais do municipio, polo que os participantes poderán contemplar “o cruceiro de Lucenza, a capela de Santa Marta, a mámoa do Madorriño, o Castro da Saceda, a Fonte da Ola ou o Castro de San Millán”. A Deputación de Ourense está “ao carón dos concellos do rural pola súa cultura, polo seu turismo e o seu medio ambiente”, sinalou Rosendo Fernández.

A andaina ten unha distancia de 16 quilómetros que “cumpre cos requisitos dun paseo familiar, por iso todos os anos hai moita afluencia”, dixo Amaya Álvarez. O trazado da ruta é “de baixa dificultade e case todo o percorrido discorre por camiños de terra”, explicou Eduardo Castro, que engadiu, “Cualedro ten moita historia non só polos seus castros ou a mámoa, senón que ten lagares rupestres, dos que están catalogados cinco pero que están a aparecer continuamente, polo tanto, é importante que coñezamos a nosa historia porque os pobos que non coñecen a súa historia ás veces vénse obrigados a repetila”.

Luciano Rivero explicou que esta andaina supón unha gran oportunidade “para dar a coñecer o noso territorio e os nosos recursos turísticos, pois contamos con máis de 40 xacementos arqueolóxicos”. En concreto, o Castro da Salceda é “o único que ten a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) na provincia de Ourense”, destacou o alcalde de Cualedro.

Actualmente están inscritos nesta andaina “150 participantes pero esperamos que nos vindeiros días cheguemos aos 200 inscritos”, afirmou Luciano Rivero.