A “Gladiator Kids” pon a proba a destreza de 200 rapaces nunha carreira lúdica e deportiva celebrada en Muíños

O complexo turístico do Corgo acolleu esta proba, por primeira vez destinada a menores, ofrecendo unha proposta lúdica e deportiva que contribuíu a atraer visitantes á provincia na ponte festiva. 

O presidente da Deputación, Luis Menor, achegouse a Muíños para comprobar a destreza dos rapaces, felicitándoos por participar “nunha experiencia seguramente inesquecible”.

Coa “Gladiator Kids” rematan as probas organizadas co apoio de Turismo de Galicia para a dinamización turística da provincia.

O complexo turístico e deportivo do Corgo, en Muíños, acolleu hoxe a proba de obstáculos “Gladiator Kids”, organizada pola Deputación de Ourense, a través do Inorde, co apoio de Turismo de Galicia. Máis de 200 menores de entre 3 e 15 anos participaron nunha actividade lúdica e non competitiva que incluíu a exhibición de vehículos da Garda Civil, expostos xunto ao encoro das Conchas para dar a coñecer ao público algúns dos medios que empregan as Forzas e Corpos de Seguridade.

O presidente provincial, Luis Menor, achegouse esta tarde a Muíños para comprobar, na compaña do alcalde, Plácido Álvarez, a destreza dos rapaces inscritos, tanto de xeito individual, como acompañados dun adulto ou por equipos. Esta última opción de grupos, reservada para nenas e nenos de 12 a 15 anos, si tiña carácter competitivo, con premios para os tres primeiros equipos. No resto das carreiras os participantes recibiron un obsequio. Luis Menor felicitou á cativada por participar “nunha experiencia seguramente inesquecible”.

Esta proba deportiva e lúdica fíxose por primeira vez para menores co obxectivo de fomentar o turismo familiar na provincia durante esta ponte. Coa celebración da “Gladiator Kids” rematan as probas organizadas este ano pola Deputación, no marco do convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, para a dinamización da vida social e económica dos territorios, así como para poñer en valor os numerosos recursos turísticos que ofrece Ourense.