A estación de Manzaneda, protagonista da primeira cronoescalada da Volta feminina

Manuel Baltar destacou na entrega de premios da segunda etapa da “Ceratizit Challenge”, a cooperación da Deputación de Ourense “para que a estación de montaña de Galicia potencie a desestacionalización e siga a ser un referente das actividades de deporte e natureza”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, salientou hoxe, no acto de entrega de premios da segunda etapa da Volta ciclista feminina “Ceratizit Challenge” -a carreira máis importante do calendario World Tour feminino, que celebrou hoxe en Manzaneda a primeira cronoescalada na súa historia- “a cooperación da Deputación de Ourense para que a estación de montaña de Galicia potencie a desestacionalización e siga a ser un referente das actividades de deporte e natureza na nosa provincia, en Galicia e no norte de Portugal”.

A carreira, que comezou onte e tivo á súa chegada no Concello da Rúa, desenvolveu hoxe a súa segunda etapa, unha contrarreloxo de sete quilómetros de percorrido co saída da faldra da estación de montaña e chegada ao seu cumio. “Facemos historia en Ourense da man do deporte –expresou Baltar-, que nesta ocasión por de relevo a práctica deportiva feminina de alto nivel, combinada perfectamente coa promoción turística, patrimonial e natural desta contorna e da estación de montaña de Manzaneda, na cal, a cooperación público-privada permite seguir impulsando para convertela en destino de referencia ao longo de todo o ano”.

O presidente da Deputación remarcou “a firme aposta do goberno provincial por unir deporte e turismo, un binomio que favorece a competitividade económica e que sitúa á provincia como referente internacional en canto aos territorios de excelencia para o adestramento e a práctica deportiva do máis alto nivel”, afirma Manuel Baltar.

Mañá sábado a “Ceratizit Challenge” continúa a súa andaina netamente ourensá cunha etapa entre Manzaneda e Pereiro de Aguiar, e rematará  o vindeiro domingo coa chegada a Santiago de Compostela. Esta proba é a primeira vez que se disputa en Galicia, tendo á provincia de Ourense como protagonista, e conta con equipos de 10 nacionalidades e máis de 140 corredoras.