A Deputación renova o patrocinio do Club Deportivo Arenteiro a través do programa Ourense, provincia termal

Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial ao presidente do equipo carballiñés, Argimiro Marnotes, ao que felicitou pola “fenomenal tempada”. Ninguén mellor que este club, asegura, “para promocionar o termalismo da provincia e, de modo singular, da vila termal por excelencia”.

O presidente do Arenteiro, que agradeceu o apoio da Deputación, destaca o impacto que tivo o patrocinio no partido da Copa do Rei ante o Valencia: “O lema Ourense, provincia termal foi visto por máis de 700.000 espectadores e por máis de 2 millóns de internautas”.

A Deputación tamén colabora co club na renovación integral do céspede do estadio de Espiñedo, “que permitirá contar cun campo axeitado para un equipo da Segunda Federación”, afirma Marnotes.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente do Club Deportivo Arenteiro, Argimiro Marnotes, ao que confirmou a renovación do patrocinio do equipo carballiñés a través do programa Ourense, provincia termal, “pois ninguén mellor que este club para promocionar o termalismo da provincia e, de modo singular, da vila termal por excelencia”, afirmou Baltar. Un apoio que se estende á renovación integral do céspede que xa se está a executar no estadio de Espiñedo.

O presidente do goberno provincial felicitou a Argimiro Marnotes “pola fenomenal tempada dun club cuxo futuro se escribe con maiúsculas”, recoñecemento que trasladou tamén a unha afección “que mostrou durante todos estes meses unha gran ilusión, converténdose nos seguidores do club máis representativo da provincia”.

O presidente do CD Arenteiro expresou en nome do club o agradecemento ao presidente provincial e á Deputacion pola renovación do patrocinio, destacando o impacto que tivo no partido da Copa do Rei ante o Valencia en decembro pasado: “O lema Ourense, provincia termal foi visto por máis de 700.000 espectadores e por máis de 2 millóns de internautas que accederon ata o momento ás imaxes do partido a través da redes”.

Tamén se referiu Marnotes á renovación integral do céspede de Espiñedo, “que permitirá contar ao equipo cunhas renovadas instalacións deportivas nun dos aspectos clave para un equipo de fútbol como é o propio campo, que agora será o axeitado para un club da Segunda Federación”.