Manuel Baltar reuniuse no Pazo Provincial co presidente da Escudería Ourense, Jano Fraga, para ampliar o compromiso cunha “proba emblemática da nosa provincia, referencia no mundo do motor e cun importante impacto económico, turístico e promocional”.
O presidente da Deputación define ao Rallye de Ourense como un proxecto senlleiro no deporte de elite que conforma o exemplo perfecto do modelo de turismo deportivo que desenvolvemos dende o goberno provincial”.
O presidente da Escudería Ourense, Jano Fraga, recoñece o “apoio incondicional da Deputación ao Rallye de Ourense”.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo un encontro no Pazo Provincial co presidente da Escudería Ourense, Jano Fraga, para abordar as liñas de colaboración abertas cara a celebración neste ano da 56 edición do Rallye de Ourense. O encontro sitúase no marco do compromiso que mantén a Deputación cunha proba referente no mundo do motor e que se traduce este ano co reforzo do apoio económico proporcionado polo goberno provincial á Escudería Ourense, ao fronte da organización da cita dende a súa creación en 1967.
Manuel Baltar destaca “o elevadísimo impacto económico, turístico e promocional que ten o Rallye de Ourense, unha proba emblemática da nosa provincia e unha referencia no mundo do motor que converte a Ourense nun escaparate da riqueza que temos no noso territorio”. Os estudos da Universidade de Vigo realizados para estudar en 2016 o retorno desta competición, lembra Manuel Baltar, concluíron que o Rally de Ourense multiplica por dez a axuda pública recibida, cun retorno directo para o territorio que supera con creces o millón de euros.
“Este é un proxecto senlleiro no deporte de elite que conta cun importante retorno económico durante cada edición e que conforma o exemplo perfecto do modelo de turismo deportivo que desenvolvemos desde a Deputación de Ourense”, explica Manuel Baltar antes de salientar “o importante papel dinamizador que posúe unha proba coa que todos os ourensáns nos sentimos identificados, e que converte en protagonistas aos concellos por onde transcorre”.
Manuel Baltar garante “o máximo compromiso da Deputación co Rallye de Ourense, enmarcado na aposta deste goberno provincial polo noso ecosistema deportivo”
O presidente da Deputación tamén subliña “a importancia da colaboración institucional e privada na realización deste tipo de eventos deportivos tan beneficiosos para o dinamismo do territorio”. E agradece á Escudería Ourense “a súa grande capacidade organizativa demostrada polo éxito que ten sempre o Rallye de Ourense”, e “aos centos de persoas que se implican voluntariamente na súa organización e que conseguen que se leve a cabo da mellor forma”.
Manuel Baltar garante “o máximo compromiso da Deputación co Rallye de Ourense, na aposta do goberno Provincial por ter unha provincia referente no turismo deportivo e por reforzar un ecosistema deportivo ourensán que de conta das oportunidades que ofrece este territorio para a realización de probas deportivas de alto nivel”. “Todo isto, facilitado nestes últimos tempos coa chegada do AVE, que impulsa o camiño polo que Ourense como un territorio dinámico, diferenciado e con maiores oportunidades”, remata Manuel Baltar.
Pola súa banda, Jano Fraga agradeceu en nome da Escudería Ourense “o apoio incondicional da Deputación ao Rallye de Ourense, así como as verbas de Manuel Baltar nas que nos da os parabéns polo éxito colleitado na anterior edición, na que voltamos ao Parque de San Lázaro e celebramos un tramo urbano na cidade”.