Un logro sen predecentes, destacou Manuel Baltar, “xa que por primeira vez na historia, un club ourensán estará na elite deste deporte disputando no 2021 un campionato cos oito mellores equipos de España”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial a unha representación do Club Xadrez Ourense, que o pasado 9 de outubro conseguiu o ascenso á División de Honra, a máxima categoría nacional deste deporte. Un éxito sen predecentes, recoñeceu Manuel Baltar, “xa que por primeira vez na historia, un club ourensán estará na elite desta disciplina, disputando no 2021 un campionato no que participarán os oito mellores equipos de España”.
Á recepción no Pazo Provincial acudiron o presidente do Club Xadrez Ourense, Elías González, o xefe de filas do equipo, Iván Salgado -campión nacional absoluto e integrante da selección española- e os xadrecistas Martín Gómez e Alba Rodríguez, acompañados polo asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González.
Ademais de felicitar aos xogadores e directiva polo ascenso, Manuel Baltar subliñou que este éxito vai máis aló do ámbito deportivo, “xa que ten unha importante proxección para a nosa provincia”, afirmando que “a Deputación seguirá consolidando o apoio que ven ofrecendo a un deporte con significados nomes ourensáns no panorama nacional e internacional, e agora todo un equipo de referencia no máis alto do xadrez español”.
Como presidente do club, Elías González agradeceu o compromiso da institución provincial e do seu presidente co conxunto ourensán, do que destacou a súa traxectoria máis actual coa consecución en 2018 do ascenso á segunda categoría e o terceiro posto alcanzado en 2019, éxitos agora referendados coa próxima participación na División de Honra.