A Deputación pon en marcha o programa de Fomento do Deporte coa participación de 140 estudantes en senllas actividades en Celanova e Amoeiro

80 alumnos e alumnas do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova puideron coñecer mellor a través de xogos individuais e en grupo o tenis de mesa.

Paralelamente, preto de 50 escolares de 2º a 6º de primaria achegáronse ao hóckey en Amoeiro nunha xornada con xogos, exhibicións e partidos.

Baixo o lema “Vive o Deporte”, este programa da Deputación pretende fomentar a práctica deportiva na provincia entre o alumnado, entre os meses de abril a outubro, sendo as propias federacións deportivas e clubs os encargados de executalo.

O programa de Fomento do Deporte, “Vive o deporte”, da Deputación de Ourense comezou hoxe as súas actividades en Celanova e Amoeiro para achegar ao alumnado o tenis de mesa e o hóckey. O goberno provincial puxo en marcha esta iniciativa para contribuír á práctica deportiva na provincia entre o alumnado ourensán entre os meses de abril a outubro, sendo as propias federacións deportivas e clubs os encargados de executalo.

Tenis de mesa en Celanova

Deste modo, 80 alumnos e alumnas da ESO do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova puideron gozar dunha xornada de tenis de mesa organizada pola propia Federación Galega de Tenis de Mesa desprazando a tres monitores cunha ampla experiencia neste tipo de iniciativas: Brais Blanco e Miguel Ángel Rey, xogadores de 2ª Nacional e adestradores nacionais, e Manuel Esteban Lema, presidente do AD ZAS e monitor de tenis de mesa.

A xornada desenvolveuse desde as 10.00 ás 14.00 horas nas clases de Educación Físicas e nos recreos. O alumnado estivo dividido en grupos para poder facer prácticas divertidas con xogos individuais e en grupo que lle permitiu coñecer mellor o tenis de mesa a través dunha proposta lúdico-deportiva.

Hockey en Amoeiro

Paralelamente, preto de 50 alumnos de 2º a 6º de primaria coñeceron o hóckey en Amoeiro nunha xornada organizada pola Federación Galega de Hóckey que inclúe xogos, actividades deportivas, exhibición e partidos.

Foi impartida por persoal da propia Federación na que estaban unha xogadora senior do club Ourensticks de 1ª división, unha monitora do club Ourensticks, unha xogadora do club Albor, un técnico deportivo responsable de actividades deportivas, e un coordinador dunha empresa deportiva.

Esta primeira edición chegará a todas as comarcas

 

Nesta primeira edición de “Vive o deporte” practicarán as seguintes modalidades deportivas: tenis de mesa, ximnasia en varias modalidades, hóckey, balonmán, patinaxe, baloncesto, fútbol feminino, deportes náuticos, volei, bádminton, tenis, atletismo, escalada e xadrez. Chegarase a todas as comarcas cunha atención especial cara a aquelas con maior despoboamento.

 

Trátase dun programa concibido e deseñado para os escolares da provincia, pero aberto nalgunhas disciplinas deportivas a toda a veciñanza.