A cita celebrarase do 17 ao 20 de agosto no campo de Mariñamansa e reunirá a España, Portugal, Polonia e República Checa.
O campo de Mariñamansa, en Ourense, acollerá entre o 17 e o 20 de agosto o torneo clasificatorio para o Campionato de Europa de Seleccións Masculinas de Hockey Herba, unha competición na que España, Portugal, Polonia e República Checa buscarán a clasificación directa para a máxima competición continental por países. A cita está patrocinada pola Deputación de Ourense, Xunta de Galicia e o Consello Municipal de Deportes.
O Preeuropeo de hockey foi presentado este mediodía en Mariñamansa, nun acto no que interveu o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o delegado provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; o presidente da Federación Galega de Hockey, Alberto Estévez; o seleccionador nacional, Max Caldas, e o internacional Quique González. Caldas e González encóntranse xa en Ourense xunto o resto do combinado español disputando o Torneo internacional preparatorio 4 Naciones, unha cita que lle sirve á selección como preparación para o Preeuropeo, e no que tamén participan Portugal, Polonia e Chile.
Bernardino González celebra que Ourense sexa a “sede dunha competición desta magnitude, convertida noutro atractivo para visitar Ourense” e encadra este Preeuropeo na axenda das probas nacionais e internacionais desenroladas nos últimos meses na provincia co apoio da Deputación de Ourense. “Fitos como a recente Coupe de la Jeunesse, este clasificatorio de hockey, o Campionato de España de Atletismo de pista cuberta, a fase final da Copa da Raíña de fútbol sala ou os torneos de ximnasia inciden en remarcar como a aposta do goberno provincial por potenciar o ecosistema deportivo de Ourense vai polo mellor camiño”.